Rey Varela destaca moi positivamente a exposición fotográfica «O ollo que sinte»

O conselleiro de Política Social en funcións, José Manuel Rey Varela, acudiu hoxe no CAMF Ferrol á inauguración da exposición fotográfica O ollo que sinte, do artista Manuel Patinha e que organiza a Asociación Sociocultural ASCM. Alí, o titular autonómico destacou que a mostra «serve como fonte de concienciación para acadar unha sociedade plenamente inclusiva». Rey Varela valorou a calidade das imaxes que dan visibilidade ao día a día das persoas con discapacidade e afirmou que este compendio de fotografías «vai máis aló do sentido artístico da mesma porque serve para concienciarnos, aínda máis, da importancia de integrar ás persoas con discapacidade na sociedade». O titular autonómico felicitou ao autor, Manuel Patinha, por amosar a riqueza da diversidade. «Nestas fotografías non estamos a ver a vida cotiá de persoas diferentes, senón de persoas coma nós das que temos moito que aprender», asegurou o conselleiro en funcións.

Así mesmo, o titular da carteira social felicitou á Asociación Sociocultural ASCM por dar visibilidade a este tipo de iniciativas culturais e polo seu traballo diario en prol da mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade. «Tanto dende a administración como dende as entidades, debemos abordar a discapacidade dende a perspectiva da igualdade, a non discriminación, a accesibilidade universal e a acción positiva», incidiu Rey Varela. Para elo, a Consellería de Política Social traballou coas entidades de iniciativa social na creación da Estratexia Galega sobre Discapacidade 2015-2020, que recolle preto de 500 actuacións concretas orientadas a que este colectivo poida gozar dunha vida autónoma e independente.

Lea también

Neda, se convierte en epicentro cultural de Ferrolterra

La Casa de las Palmeras ha acogido la inauguración de la XIX edición de las …