O Concello de Narón dispón xa dun estudo do servizo de banda ancha para a zona rural

O goberno local dispón xa do estudo do servizo de banda ancha na zona rural do municipio encargado tras acordarlo o Concello e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) nunha reunión mantida en Compostela a finais do ano pasado, co fin de procurar solucións á mala calidade da cobertura de internet no rural de Narón.

A concelleira de Novas Tecnoloxías, Natalia Hermida, explicou, en base ao documento, que “determinadas zonas de San Mateo e San Xiao poden considerarse “en sombra”, ou o que é o mesmo,» carentes de servizo”.

A edil naronesa agradeceu a colaboración das veciñas e veciños das parroquias do rural que permitiron realizar medicións do sinal nos seus domicilios cos equipos necesarios e manifestou a vontade do goberno local de continuar traballando para que a Xunta inclúa a Narón entre as primeiras actuacións enmarcadas no “Plan de Banda Larga 2020”. Coa finalidade de incluír ao Concello entre os pioneiros do citado plan, o goberno local solicitou recentemente unha entrevista con persoal do Amtega para trasladarlle tamén os resultados deste estudo no que se amosa a situación real do servizo na localidade.

A maiores desas “zonas de sombra”, no estudo tamén se constata que case un 20% das conexións teñen menos de 1 Mbps e tres cuartas partes das mesmas non son estables. A todo isto, tal e como indicou Hermida, “hai que engadir a inexistencia de conexións de fibra óptica e tamén o feito de que as de anchos de banda superiores non son estables ou van perdendo calidade ao longo do día”. O resultado do estudo poderase consultar na páxina web do Concello de Narón –www.naron.es- a partir da vindeira semana.

A inclusión do municipio no “Plan de Banda Larga 2020” permitiría, tal e como figura entre os obxectivos do mesmo, garantir unha cobertura mínima de 30 Mbps para toda a poboación, impulsar a contratación nos fogares de servizos por riba dos 100 Mbps e garantir 30 Mbps nas zonas rurais de maior aillamento. “Á vista da mala cobertura de internet que se rexistra no rural de Narón e de que residen neses núcleos uns 6.500 veciños e veciñas, unha cifra que supera á de moitos concellos de Galicia, solicitaremos á Xunta a inclusión do Concello no “Plan de Banda Larga 2020”, porque consideramos que é preciso solventar esta situación canto antes para que os veciños da zona rural dispoñan dunha conexión a internet de calidade, rompendo así a actual brecha dixital entre a zona urbana e rural na localidade”, subliñou a concelleira de Novas Tecnoloxías.

Lea también

Almorzo para recadar fondos para o Centro de Recursos Solidarios de Narón

Unhas 250 persoas acudirán este sábado 30 á comida organizada para recaudar fondos para o …