Antonio Martínez Aneiros dará nome a unha rúa e un complexo de equipamentos no Val

O que foi o primeiro alcalde en Narón da etapa democrática, Antonio Martínez Aneiros (O Val, 1933), recibirá o vindeiro 26 de novembro un recoñecemento organizado desde o Concello. O pleno ordinario celebrado o pasado xoves aprobou a proposta plantexada desde a Asociación de Veciños Os Irmandiños do Val solicitando que se nomease como rúa Antonio Martínez Aneiros un vial localizado no lugar de Vilacornelle, na citada parroquia naronesa. A iniciativa contou co respaldo da Fundación Terra de Trasancos e da Sociedade Deportiva O Val, ao igual que unha segunda proposta, unha declaración institucional tamén aprobada no pleno, para nomear Complexo Social Antonio Martínez Aneiros ao conxunto formado polo local social, a escola pública, a pista polideportiva, o consultorio médico e outras instalacións situadas no citado emprazamento. O acto público desta homenaxe terá lugar na parroquia do Val.

«Trátase dun recoñecemento a unha persoa moi significativa para Narón, que foi o primeiro alcalde da etapa democrática, no ano 1979, baixo as siglas de Unidade Galega», apuntou o alcalde, José Manuel Blanco. «Martínez Aneiros é unha das persoas que xunto cos seus compañeiros e compañeiras de corporación sentou as bases do que hoxe é o municipio de Narón, sendo fundamental o traballo desenvolvido desde aquelas primeiras corporacións locais para presente e o futuro desta cidade».

Martínez Aneiros estivo seis anos á fronte da Alcaldía, entre 1979 e 1985, e a súa traxectoria política levouno ao Parlamento Galego, donde estivo durante unha lexislatura, do 1985 ao 1989. Na actualidade, o exalcalde valexo, un histórico da política local que militou baixo as siglas de Unidade Galega, Agrupación Nacionalista Galega de Narón e PSG-EG, está totalmente retirado da vida política.

No ano 2010, con motivo da programación do Día de Narón, que se conmemora cada ano o 23 de novembro, Antonio Martínez Aneiros acudiu a unha homenaxe que brindou a corporación local aos exalcaldes naroneses, presentando uns retratos realizados polo pintor José González Collado e que permanecen desde entón expostos no Concello. O Día de Narón programou este ano un recoñecemento á persoa de Martínez Aneiros, destacando a corporación a súa traxectoria política co nomeamento dunha rúa e dun complexo social na parroquia da que é nativo.

Lea también

Almorzo para recadar fondos para o Centro de Recursos Solidarios de Narón

Unhas 250 persoas acudirán este sábado 30 á comida organizada para recaudar fondos para o …