Éxito de participación en Narón nas actividades para conmemorar o Día das Bibliotecas

A Praza de Galicia acolle na xornada de hoxe diversos actos programados desde a Concellería de Ensino e Bibliotecas para conmemorar o Día Internacional das Bibliotecas, que tivo lugar o pasado 24 de outubro. A programación desenvolvida durante a mañá e que continuará pola tarde pechará os actos convocados nos últimos días desde o Concello con motivo desta data. Ás 10:30 iniciouse a cita Biblioteca na rúa, unha iniciativa pensada para dar a coñecer fóra da Biblioteca municipal, neste caso na Praza de Galicia, os servizos que se prestan desde o centro á cidadanía. A edil da área, Mercedes Taibo, asegurou que «a convocatoria desta mañá foi todo un éxito».

Os nenos gozaron dunha sesión de contacontos entre as 11 e as 12, a cargo de Manuel Solla, que animou aos máis novos con divertidas historias cheas de máxia, música e sorpresas. Conto contigo logrou a implicación dos participantes durante o tempo da actividade, que tamén tivo lugar na Praza de Galicia.

A programación desta tarde inclui tamén, de 17 a 19 horas, un obradoiro no que os asistentes poderán facer chapas con deseños persoalizados e outro de graffiti, no que escribirán varios lemas que ao remate do obradoiro un grafiteiro profesional se encargará de plasmar nun mural colectivo. Nesta actividade poden participar persoas de tódalas idades, sen precisar inscrición previa.

 

Os actos deseñados desde o Concello para conmemorar o Día Internacional das Bibliotecas comezaron o pasado 24 de outubro, cunha xornada de portas abertas nas instalacións da Biblioteca municipal de Narón, localizada na rúa 25 de Xullo, que incluíu unha visita guiada polas diferentes estancias do edificio. Ese mesmo día celebrouse o Trocolibros, cun intercambio de exemplares no centro e, a maiores, tivo lugar na Casa da Mocidade (A Gándara) un curso de Manexo básico de smartphones dirixido a oito persoas, esgotándose as prazas dispoñibles.

Lea también

Narón acomete melloras no firme de varios parques infantís

A alcaldesa da cidade de Narón, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Obras e Urbanismo, …