Narón homenaxeará a 3 empresas que levan máis de 75 anos radicadas no concello

(Megasa)
(Megasa)

Tres empresarios de Narón cuxas compañías levan máis de setenta e cinco anos radicadas no Concello recibirán unha homenaxe o vindeiro 19 de novembro nun acto que se celebrará no Concello.

A proposta aprobouse no pleno do pasado mes de outubro e recoñecerá aos responsables e xestores das empresas Megasa SA, Tranvías de Ferrol SA e Grupo Intaf (Industrias e Talleres Franco).

 «A labor dos emprendedores que fundaron estas empresas e dos seus sucesores, así como o traballo desenvolvido polo plantel de traballadores das mesmas fan destas compañías todo un referente a nivel empresarial no noso concello, aportando un claro exemplo do crecemento das memas e da súa gran proxección a nivel nacional e internacional», destacou o alcalde, José Manuel Blanco.

Enrique Freire, da siderúrxica Megasa SA; representantes da empresa Tranvías de Ferrol SA e José Ramón Franco, do Grupo Intaf, compartirán protagonismo na homenaxe programada para as 12.00 horas do vindeiro día 19 no Consistorio naronés.

A empresa Megasa constituíuse no ano 1933 en Xuvia, sendo a principal metalúrxica de España. O seu fundador, Bartolomé Freire, abandonou a súa terra natal, As Somozas, para crear en Narón un dos grandes imperios industriais de Galicia e no que traballarían varios fillos do fundador. Na actualidade o grupo ten as empresas Megasider SL, que fabrica mallas electrosoldadas desde o polígono de Río do Pozo; Freire Hermanos, que distribúe material de ferralla desde o polígono da Gándara; a sociedade portuguesa Siderúrgia de Produtos Longos (con fábricas preto de Lisboa e de Porto) e Arcelor-Mittal, en Zaragoza. O irmán de menor idade vencellado nos últimos anos á empresa, Andrés, desvinculouse da compañía familiar hai algo máis dunha década.

Tranvías Ferrol
Tranvías Ferrol

A sede da empresa Tranvías de Ferrol SA está tamén en Narón. As orixes desta empresa de viaxeiros que dá servizo tamén aos concellos de Ferrol e Neda remóntanse ao ano 1904, cando José Fernández Solórzano e Freire solicita a explotación dun tranvía con motor eléctrico entre Ferrol e Santa Mariña de Neda. No ano 1961 pasou a realizarse o servizo en autobuses. Na actualidade Tranvías de Ferrol SA é concesionaria da Xunta desde 2005 e os seus servizos intégranse no Plan de Transporte Metropolitano de Galicia.

Intaf
Intaf

O grupo empresarial constituído nas súas orixes como Talleres Ramón Franco está formado na actualidade por oito empresas con actividade de fabricación mecánica, mantemento no sector industrial, naval e enerxético, enxeñaría e consultoría técnica e obra civil industrial. O grupo intégrano a compañía matriz, Intaf; Tecman, empresa dedicada ao mantemento industrial; Estratos, especializada en obra civil; Neodyn, de enxeñaría e centro técnico e de xestión; Sincro Mecánica, que fabrica compoñentes e repara sistemas de transmisión de aeroxeradores e Evolventia, de fabricación de engranaxes. En decembro de 2014 constituíuse formalmente o Grupo Intaf, que traspasou a súa actividade industrial a Intaf Promecan.

A homenaxe programada desde o Concello ten entre os seus obxectivos recoñecer os valores e o traballo dos fundadores e actuais responsables destas tres compañías, moi vencelladas ao municipio naronés. «Apostaron por emprender en diversos sectores hai moitos anos e o seu esforzo e constancia permitiu crear centos de postos de traballo e manter e consolidar o futuro destas tres empresas na nosa localidade, donde naceron e medran ano a ano grazas a labor que desenvolven día a día, que avala a súa loable traxectoria profesional durante máis de 75 anos en Narón, un feito que desde o Concello queremos recoñecer cun acto institucional», apuntou Blanco.

Lea también

O Goberno de Narón chega a un acordo para manter o servizo de madrugadores

O goberno local e as Anpas de Narón chegaron a un acordo para manter temporalmente …