Presentada a XXX semana micolóxica de Ferrol

suso-basterrechea-xornadas-micoloxicasO concelleiro de Cultura e Educación, Suso Basterrechea, presentou este luns, xunto ao presidente da Asociación Viriato, Xosé Manuel Fernández Costas, a XXX Semana Micolóxica de Ferrol, que comeza este martes día 8 e se prolongará ata este sábado día 12.

O concelleiro salientou o valor desta actividade non só polo seu contido en si senón por ter chegado a un número de edicións tan alto, sempre con grande nivel de participación e cun completo programa de actividades, entre charlas, exposicións e saídas ao monte, entre outras.

Suso Basterrechea lembrou que o ciclo de conferencias se celebrará no Salón de Actos do Centro Torrente Ballester mentres que a exposición e outras actividades, dirixidas maiormente ao público infantil, terán lugar na carpa que se instala con tal motivo todos os anos no Cantón.

Xornadas máis antigas

O edil fixo especial fincapé tamén no concurso que se celebra todas as edicións para deseñar o cartel do ano seguinte. Un concurso dirixido a alumnos de primaria de ferrolterra que nesta ocasión ten como tema «Os cogomelos e o seu mundo».

Pola súa parte, o presidente da Asociación Viriato, organizadora do evento, asegurou que esta é unha das xornadas máis antigas que se celebran no país, «serían incluso as xornadas referenciais se tiveran tido o apoio do PP para seguir organizándose durante os catro anos de mandato dos populares».

Alén das conferencias, salientou a Macroexposición de Cogomelos, que se inaugurará o próximo xoves ás 10.00 h. e na que se expoñen todo tipo de especies, dende as máis habituais ata as máis perigosas para a alimentación.

Fernández Costas explicou que dun tempo a esta parte os cogomelos xeran cada vez máis interese, pero maioritariamente dende o ponto de vista culinario, mais o obxectivo da Asociación e das Xornadas ten a ver, sobre todo, con achegar este mundo á maioría da xente, do ponto de vista da relevancia que teñen os cogomelos no só na alimentación senón especialmente para o ecosistema.

Precisamente por este motivo, engadiu, as xornadas teñen un carácter tan enfocado aos colexios, non só a través do concurso do cartaz senón tamén a través de obradorios de plástica, entre outras actividades.

Saída ao monte

Sobre a saída ao monte que se realiza tamén todas as edicións, o presidente da Asociación explicou que este ano existen certos problemas por un novo decreto da Xunta para poder ir, coma sempre, ao Forgoselo, pero asegurou que aínda están estudando as posibilidades e, senón, faríase Á Capelada ou a outro lugar próximo.

As inscricións para esta saída deben realizarse na carpa do Cantón e terá lugar o sábado a partir das 09.00h.

 

Lea también

O BNG de Ferrol demanda no pleno, melloras nos comedores escolares

O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol presentou, acompañados de familias do ceip Cruceiro de Canido, …