Últimos días para participar no VIII Concurso de Pintura Cidade de Narón

As persoas interesadas en participar na oitava edición do Concurso de Pintura Cidade de Narón dispoñen de prazo ata o vindeiro venres 18, ata as 21 horas, para entregar os seus traballos no Pazo da Cultura. O Padroado da Cultura de Narón e a Asociación de Veciños Ceibe de San Xiao organizan un ano máis esta convocatoria, cuxas bases se poden consultar nas páxinas webs do Concello e do Padroado (www.naron.es e www.padroadodecultura.es).

As persoas maiores de 16 anos poderán participar no concurso, se ben os rapaces ata 15 anos terán a oportunidade de presentarse á modalidade infantil, que non opta aos premios económicos. A temática das obras, así como a técnica e o estilo, son libres e os cadros presentados exporanse no Pazo do 19 ao 26 de novembro, de 9 a 14 e de 17 a 21 horas de luns a venres e o sábado poderán verse de 10 a 14 horas.

A organización repartirá este ano 2.850 euros en premios, dos que o primeiro estará dotado con 1.500; o segundo con 750 e o terceiro con 400 euros. A maiores haberá un premio especial, Francisco Criado, de 200 euros, e co que se recoñecerá a persoa deste pintor orixinario da parroquia de San Xiao. Os autores dos cadros seleccionados para a fase final deste concurso recibirán un diploma acreditativo pola súa participación.

A obra gañadora será a imaxe do cartel promocional da vindeira edición deste concurso de pintura, pasará a ser propiedade do Padroado da Cultura e exporase no Pazo durante quince días. O autor da mesma non se poderá presentar de novo a este certame nas vindeiras cinco edicións, tal e como figura nas bases.

A entrega de premios terá lugar o día 23 de novembro, no marco do programa de actos deseñados polo Concello con motivo do Día de Narón, festividade local. Será nunha convocatoria que terá lugar ás 20 horas no Pazo da Cultura.

Lea también

Unha unidade móbil ADOS estará operativa o venres 26 en Narón, no barrio de Xuvia

Unha das unidades móbiles da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) estará este …