Narón conmemorará con varios actos o Día Internacional contra a Violencia de Xénero

naron-violencia-25

O goberno local de Narón deseñou un completo programa de actos para conmemorar o 25-N, Día Internacional contra a Violencia de Xénero. As edís de Igualdade, Teresa Sabio; Cultura, Marián Ferreiro e Ensino e Bibliotecas, Mercedes Taibo, presentaron hoxe os actos programados, que estas concellerías coorganizaron en colaboración coa de Seguridade Cidadá e Protección Civil, á fronte da que está o edil Guillermo Sánchez Fojo, cuxa ausencia desculparon na presentación desta mañá. As actividades a desenvolver sucederanse durante varios días, rematando o vindeiro sábado, día 26. As concelleiras naronesas animaron á veciñanza a participar nestes actos, dirixidos a persoas de diferentes idades e co fin de implicar á sociedade na erradicación desta lacra social que constitúe a violencia de xénero.

A Biblioteca municipal do Alto acolle desde hoxe, e ata o vindeiro sábado, unha Mostra bibliográfica infantil, na que se poden consultar diferentes publicacións (contos, manuais, etc.) adaptadas ás idades das nenas e dos nenos sobre a igualdade de sexos, tal e como apuntou Taibo. Previamente, o pasado sábado 19, xa se desenvolveron dúas actividades enmarcadas nesta proposta, unha sesión de contacontos na Biblioteca municipal, baixo o título Eu vou contigo, e a representación da obra de teatro La asamblea de las mujeres, no Pazo da Cultura.

Na xornada do propio 25 de novembro sucederanse varios actos. O primeiro deles terá lugar a partir das 10 horas, co inicio da terceira edición da Marcha ciclista escolar contra a violencia de xénero. Participarán na mesma uns 250 alumnos e alumnas dos colexios do Feal, Ponte de Xuvia, Jorge Juan e Piñeiros e do centro Nuestra Señora de Chamorro, que partirán en bicicleta dos seus centros ata o muíño das Aceñas –evitando a estrada de Castela- cara ao Auditorio municipal, na praza de Galicia. Colaboran na organización desta cita o Servizo de Prevención e Extinción de Incendios e Salvamento (Speis) de Narón, o equipo de Educación Vial do Concello de Narón, o motoclube Fojeteiros e as Anpas dos colexios participantes. A partir das 11 horas comezará no Auditorio o contacontos Contos vellos novos finais, a cargo de Caxoto e xa pola tarde, ás 17.30, trasladaranse as actividades á praza da Gándara, no marco de Narón en Negro contra a violencia de xénero –organizada en colaboración coas entidades do Consello Sectorial de Igualdade-, donde se formará unha cadea humana con persoas vestidas de cor negra. Ao remate da mesma haberá unha ofrenda floral no Monumento á Muller, na mesma ubicación, según avanzou Teresa Sabio. Así mesmo, sobre as 18:30 horas, apuntou Marián Ferreiro, procederase a iluminar de cor malva a fachada do Pazo da Cultura e a partir das 19 horas terá lugar un Faladoiro na Biblioteca municipal sobre A construción do xénero e os réximes de propiedade: un relato alternativo, a cargo de Rebeca Baceiredo e cun aforo limitado a corenta persoas.

A modo informativo e de concienciación, o día 25 tamén se levará a cabo unha campaña de sensibilización. As panaderías da localidade –cuxa colaboración agradeceron as representantes do goberno local- distribuirán unhas bolsas de papel entre aquelas persoas que merquen o pan nos seus establecementos, e nas que figurarán teléfonos e medios cos que contactar ante posibles casos de violencia de xénero.

A última actividade organizada con motivo do 25-N terá lugar na xornada do sábado 26, novamente na Biblioteca municipal, entre as 11 e as 12:30 horas. Os destinatarios da mesma son persoas maiores de 14 anos, que poderán participar no obradoiro Micromachista eu?, a cargo de A Trastenda dos contos e no que os asistentes aprenderán a identificar e combater manifestacións de micromachismo. As persoas interesadas en participar deben inscribirse –poden facelo desde hoxe- no mostrador da Biblioteca a partir das 9 horas ou chamando ao número de teléfono 981 382 173.

Lea también

O Goberno de Narón chega a un acordo para manter o servizo de madrugadores

O goberno local e as Anpas de Narón chegaron a un acordo para manter temporalmente …