José Antonio Serantes, gañador do primeiro premio do VII Concurso de Fotografía Cidade de Narón

premios-fotografia-naron-1-12A concelleira de Turismo, Natalia Hermida, fixo público o fallo do xurado do VII Concurso de Fotografía Cidade de Narón, cun primeiro premio, dotado con 750 euros, que gañou José Antonio Serantes, veciño de Narón, coa imaxe Día da Bicicleta. Así mesmo, a edil anunciou que o segundo premio, de 300 euros, foi para Francisco Javier Rodríguez, tamén veciño de Narón, pola fotografía titulada “Ribeira do Río Grande” e o terceiro, de 150 euros, para Laura González, de Cambre, por Ponte medieval de Pielas.

A edil naronesa felicitou aos tres premiados, que o vindeiro mércores día 7 de decembro –ás 12 horas- recibirán un cheque polo importe correspondente nun acto público que se convocará no Concello, e agradeceu a participación de todos os homes e mulleres que presentaron imaxes a esta edición do certame. Un total de cento vinte e oito fotografías, realizadas por corenta e catro participantes, optaron este ano aos premios desta convocatoria, tal e como recordou Hermida. Os participantes que se presentaron ao concurso eran maioritariamente veciños de Narón, se ben tamén se recibiron imaxes de persoas procedentes de Ferrol, Fene, Miño e Cambre.

Os fotógrafos Kiko Delgado, de El Correo Gallego; Jesús G. Taboada, propietario do estudo F64 Fotógrafos e Daniel Alexandre, de Diario de Ferrol, formaron parte do xurado que valorou as imaxes presentadas, das que doce quedaron preseleccionadas para a final. A calidade técnico artística das fotografías, a súa orixinalidade e o grao de representatividade do Concello foron os criterios en base aos que se puntuaron os traballos presentados.

As tres imaxes gañadoras formarán parte, xunto con outras nove presentadas ao concurso e preseleccionadas polo xurado, do calendario de sobremesa que editará a Concellería de Turismo para o vindeiro ano 2017.

Lea también

Unha unidade móbil ADOS estará operativa o venres 26 en Narón, no barrio de Xuvia

Unha das unidades móbiles da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) estará este …