O Concello e o Centro de Recursos Solidarios de Narón colaboran nunha campaña de recollida de xoguetes

O Centro de Recursos Solidarios de Narón iniciou hoxe a campaña de recollida de xoguetes do Nadal, tal e como anunciou a concelleira de Acción Social, Catalina García. A edil naronesa estivo acompañada na rolda de prensa polo presidente e o secretario da Asociación Centro de Recursos Solidarios de Narón, José Manuel González e Alberto Pereira, respectivamente, e por Pedro Caneiro, integrante do equipo de Educación Viaria do Concello de Narón.

O presidente da Asociación Centro de Recursos Solidarios de Narón agradeceu a colaboración do Concello un ano máis nesta proposta e subliñou a importancia de entregar xoguetes «usados pero que se poidan reutilizar, e non os que estean rotos ou aos que lles falten pezas». A entrega dos xoguetes terá lugar o día 4 de xaneiro, a partir das 16:30 e ata as 20 horas, na nave do Centro de Recursos Solidarios, na parcela 23 da avenida Gonzalo Navarro, no polígono industrial de Río do Pozo, en Narón, apuntou García.

As persoas interesadas en colaborar poden facelo ata o 23 de decembro, depositando os artículos doados –tamén se precisa papel de regalo- na Biblioteca municipal –de luns a venres de 9:30 e 13:30 e de 16 a 21 horas e os sábados de 10 a 13 horas-; nas escolas infantís municipais da Solaina, Piñeiros e A Gándara; na academia September, en Xuvia; na VIII Xornada Moteira Solidaria de Fojeteiros, na Praza de Galicia –o 17 de decembro, día no que tamén se recollerán alimentos non perecedeiros e roupa- e no propio Centro de Recursos Solidarios de Narón os luns, martes, xoves e venres de 9:30 a 13:30 e os mércores de 16:30 a 20 horas.

As familias con escasos recursos económicos que precisen xoguetes para os seus fillos menores este Nadal deben anotarse no Rexistro do Concello de Narón, a partir de mañá –haberá un modelo de solicitude específico para esta campaña- e entregar unha fotocopia do DNI do solicitante e outro da persoa que vaia recoller o agasallo; unha fotocopia do libro de familia no que apareza inscrito o menor ou os menores para os que se solicitan os xoguetes e un xustificante das prestacións recibidas. No caso de que esa documentación figure xa nos rexistros do Servizo Sociocomunitario do Concello de Narón non será preciso entregala de novo, tal e como indicou García.

Así mesmo, a edil de Acción Social explicou que as persoas que desexen colaborar na selección por idades e no empaquetado dos xoguetes deben anotarse nas instalacións do Centro de Recursos Solidarios de Narón ou na primeira planta do Concello para organizar os turnos.

Así mesmo, Pedro Caneiro, integrante do equipo de Educación Viaria do Concello, recordou que se mantén operativa ata o 22 de decembro a campaña de recollida de bicicletas de segunda man, que se repararán para doar tamén ao Centro de Recursos Solidarios de Narón. As persoas que poidan colaborar deben entregar as bicicletas nos colexios do municipio ou na oficina de Educación Vial do Concello –na planta baixa-. No caso de ser unha cantidade importante, poderase comunicar na citada oficina municipal, desde donde se ofrecen para recollelas. Caneiro recordou tamén que se poden doar bicicletas estáticas para participar nun programa que impulsa o colexio Jorge Juan de Narón.

Finalmente, García valorou tamén a renovación da colaboración das empresas Ortegal Oil e Hidrocarburos del Noroeste SA (Grupo Capela), co Centro de Recursos Solidarios, doando 500 e 300 euros respectivamente, en combustible para as citadas instalacións. «Con estes cartos financiamos os gastos derivados da recollida e distribución de materiais do Centro de Recursos Solidarios de Narón», explicou a concelleira naronesa, que agradeceu calquera posible colaboración para este tipo de fins solidarios.

Lea también

Almorzo para recadar fondos para o Centro de Recursos Solidarios de Narón

Unhas 250 persoas acudirán este sábado 30 á comida organizada para recaudar fondos para o …