Inaugurada en Ferrol a exposición Saúde e Terra, irmá(n)s!. Difunde o legado das Irmandades da Fala

irmandades-inauguracion-1Despois de se inaugurar na Coruña e percorrer Santiago de Compostela, Vigo, Pontevedra e Ourense, Lugo, a exposición Saúde e Terra, irmá(n)s! chega a Ferrol, cidade en que pechará un percorrido que tivo como obxectivo difundir o legado das Irmandades da Fala no centenario do seu nacemento.

irmandades-cartelO 18 de maio de 1916 nacía na Coruña, nunha xuntanza celebrada na daquela sede da Real Academia Galega, a primeira das Irmandades da Fala. Nos meses seguintes, este movemento concibido polos irmáns Villar Ponte coa arela de estender o uso do galego a todos os contextos orais e escritos espallouse por Galicia. As Irmandades promoverían ademais un novo rexurdimento cultural, e tamén unha nova etapa do galeguismo político. Un século despois, a Real Academia Galega, a Deputación da Coruña e o Museo do Pobo Galego están a difundir o legado dos homes e mulleres que fixeron posible este fito que marcou un antes e un despois na historia de Galicia a través da exposición Saúde e Terra, irmá(n)s!,inaugurada na tarde deste venres no Centro Torrente Ballester de Ferrol. A mostra poderá verse neste espazo ata o vindeiro 27 de decembro grazas á colaboración do Concello de Ferrol, cidade cuxas achegas ás Irmandades fican tamén retratadas neste percorrido.

Acto inaugural en Ferrol

O acto inaugural contou coa actuación do coro ferrolá Toxos e Froles, nado no ano 1915 e cunha estreita relación coas Irmandades da Fala, conscientes da importancia deste tipo de entidades como axentes de normalización da lingua e da cultura galegas. A agrupación irmandiña local formouse un par

Toxos 1915. En primera líña Charlón  e Hermida
Toxos 1915. En primera líña Charlón
e Hermida

de anos despois, o 15 de abril de 1917, e tivo como primeiro conselleiro a Xaime Quintanilla, unha das personalidades destacadas na exposición. Quintanilla, quen chegaría a ser o primeiro alcalde republicano da cidade, foi responsable da editorial Céltiga, creada en 1921 pola irmandade local e que editou, entre outros títulos, Alén, escrita por el mesmo; ou Mal de moitos e Trato a cegas, asinada por outro fundador da agrupación ferrolá, Euxenio Charlón, e polo seu compañeiro teatral Manuel Sánchez Hermida, e levada á escena por Toxos e Froles. As edicións da época de ambas as dúas obras de teatro forman parte das 130 pezas que axudan a fiar o percorrido polo legado das Irmandades da Fala, entre as que tamén poden verse creacións de artistas de Ferrolterra como Imeldo Corral e Felipe Bello Piñeiro.

Un punto de inflexión (Goretti Sanmartín)

A vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña destacou na inauguración que as Irmandades da Fala, “supuxeron un punto de inflexión no referido á coherencia entre a defensa teórica do galego e a súa utilización práctica e conseguiron realizar unha potente planificación en diferentes ámbitos para dignificar e internacionalizar a cultura galega”. Concretamente, na
inauguración de Ferrol, Goretti Sanmartín salientou a especial relevancia de figuras como Xaime Quintanilla Ramón Vilar Ponte -como director de El Correo Gallego- Eduardo Charlón e Manuel irmandades-charlonSánchez Hermida, o pintor Imeldo Corral e tamén o coro Toxos e Froles.

“En Ferrol poñemos o ramo a unha xira polas sete cidades galegas cunha exposición que conseguiu unir distintas administracións e asociacións para levar o legado das Irmandades ao conxunto da sociedade galega, unha herdanza que segue plenamente vixente. Seguimos necesitando beber das mesmas fontes que nos ofreceron estes protagonistas”, sinalou Goretti Sanmartín.

A responsábel da Área de Cultura da Deputación subliñou ademais a vontade conxunta de que esta exposición, organizada polo Museo do Pobo Galego, a Real Academia Galega e a Deputación da Coruña, visitara as sete cidades galegas co fin de achegar a dimensión das Irmandades a un maior número de público.

Achegamento á sociedade (Henrique Monteagudo)

O secretario da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, indicou que esta mostra naceu coa vocación de achegar á sociedade o legado dun movemento esencial na nosa historia contemporánea. “Tratamos de poñer diante dun público o máis amplo posible, desde o escolar á cidadanía en xeral, dunha maneira gráfica, o que significaron as Irmandades no proceso de modernización da sociedade galega”, declarou. O sociolingüística subliñou neste sentido o “papel que se lle outorga á lingua e á literatura como elemento de identidade” e o proxecto que desenvolven os irmáns para modernizar a nosa lingua e darlle presenza na esfera pública, espallándoa a todos os contextos e cultivando todos os xéneros literarios, alén do uso poético que se lle dera desde o Rexurdimento.

As Irmandades, como se aprecia tamén na exposición, engadiu Henrique Monteagudo, son un movemento “polifacético”, pero no que cultura e política son inseparables: “Son en principio un movemento sobre todo intelectual pero que axiña se marca uns obxectivos políticos e acaba decantándose polo lanzamento do nacionalismo galego contemporáneo”, recordou. Froito desta concepción, reclamaron unha serie de dereitos políticos, entre eles a normalización da lingua, engadiu.

Ademais de coorganizar esta exposición, a RAG está a conmemorar o centenario das Irmandades con outras iniciativas. O 18 de maio, da man do Concello da Coruña, celebrou un acto musical e literario no teatro Rosalía de Castro que contou con Toxos e Froles e outros tres coros históricos; desenvolve un ciclo de mesas de debate, que xa pasou por Ferrol e que remata este mes en Vigo e A Coruña; e editou catro antoloxías sobre o teatro, a prosa non ficcional e a oratoria, a narrativa e a poesía producida arredor deste movemento. A primeira delas, a cargo da profesora do campus de Ferrol Laura Tato, inclúe a obra teatral de Xaime Quintanilla Donosiña, que causou unha forte polémica no seu momento por retratar un adulterio feminino.

Ferrol nas Irmandades (Álvaro Montes)

Pola súa parte, o primeiro tenente alcalde de Ferrol, Álvaro Montes, destacou o papel de Ferrol na historia das Irmandades, e chamou á recuperación da memoria de todas aquelas persoas que loitaron polos dereitos que temos como pobo, destacando o labor feito nese sentido polo Real Coro Toxos e Froles e “polo noso Alcalde Xaime Quintanilla que foi represaliado por defender os valores da

Xaime Quintanilla
Xaime Quintanilla

república, do socialismo e do compromiso político das Irmandes”.

Engadiu ademais a necesidade de recuperar para a memoria colectiva a obra de dous ilustres ferroláns como foron Hermida de Charlón, que empregaron a comedia con carácter reivindicativo para denunciar o abandono da lingua e os abusos contra a xente labrega.

En nome do Concello de Ferrol, Álvaro Montes mostrou tamén o seu agradecemento á RAG, á Deputación da Coruña e ao padroado do Museo do Pobo Galego por contar con Ferrol para unha exposición que recupera “o noso papel na historia” á vez que convidou a veciñanza a non perder ocasión de recuperar a memoria colectiva visitando a mostra.

Saúde e Terra, irmá(n)s! contou cunha comisión organizadora na que participaron Margarita Ledo Andión e Henrique Monteagudo en representación da Real Academia Galega, Justo Beramendi e Carlos García Martínez polo Museo do Pobo Galego e Carme Vidal e Uxío Breogán Diéguez pola Deputación da Coruña. O proxecto foi creado, deseñado e coordinado por Pepe Barro.

Dez espazos para profundar na dimensión global das Irmandades

irmandades-inauguracion-2O percorrido expositivo relata a historia das Irmandades a través de dez temas que profundan na súa cerna. Cada un deles desenvólvese nunha cabina na que se poden ver publicacións, documentos, imaxes e obxectos, así como escoitar gravacións musicais e de discursos e artigos de persoeiros da época. Poderase contemplar ademais unha escolma de pezas artísticas vencelladas aos temas e motivos que moveron a acción das Irmandades dalgúns dos artistas máis relevantes daquel tempo.

A través destes dez espazos, o público pode achegarse á orixe do movemento e á súa evolución, desde a acción centrada en primeiro lugar na normalización do idioma ata a intervención política e os seus principais protagonistas (os irmáns Villar Ponte, Lois Porteiro Garea, Lois Peña Novo, Antón Losada Diéguez, Vicente Risco …); o novo rexurdimento literario, da man de autores como Ramón Cabanillas, Manuel Antonio, Ramón Otero Pedrayo e Rafael Dieste e de editoriais como Céltiga, con Xaime Quintanilla á fronte, Lar ou Nós; o intento de conformación dun teatro galego que superase o ruralismo, no que Quintanilla xogou tamén un papel destacado, e a aposta polos coros, como o devantido Toxos e Froles, como xeito de chegar ás masas; o compromiso cunha arte galega exemplificada na obra de Castelao, Álvaro Cebreiro, Camilo Díaz Baliño ou Francisco Asorey; o cultivo das ciencias sociais e experimentais ao servizo de Galicia, que callou arredor da creación do Seminario de Estudos Galegos, a creación das Escolas do Insiño Galego ou a importancia que lles concederon aos medios de comunicación as Irmandades, que se dotaron do seu propio voceiro, A Nosa Terra, e promoveron a reaparición d’O Tío Marcos d’A Portela, entre outras cabeceiras editadas en Galicia e na diáspora.

Saúde e Terra, irmá(n)s! dá ademais visibilidade á participación das mulleres nas Irmandades da Fala, que apostaron desde o primeiro momento pola “igualdade absoluta, política e civil da muller e do home”. Esta declaración dunha asemblea de irmáns e irmás reflicte o compromiso político do movemento nuns tempos nos que o voto feminino aínda tardaría anos en chegar. As mulleres loitan na Irmandade Feminina, creada na Coruña en 1918, participan no teatro, aparecen nas palestra dos mitins e algunhas colaboran n’A Nosa Terra.  Con dirixentes como Amparo López Jean, Micaela Chao, Elvira Bao ou María Miramontes, empezaron sendo un medio cento, pero na década dos anos 30 a cifra foi en aumento ata chegaren a ser o 10% da militancia do Partido Galeguista.

Pezas prestadas

Ademais das fotografías e documentos reproducidos, a exposición xunta unhas 130 pezas, documentos orixinais e primeiras edicións prestadas para a ocasión por máis dunha trintena de institucións e coleccións particulares. Entre as pezas integradas nas cabinas, figuran obxectos persoais como as lentes de Vicente Risco e de Ramón Cabanillas, os carnés das Irmandades da Fala de Ramón Villar Ponte e Antonia Pardo, unha pluma de Álvaro Cebreiro, a máquina de escribir de Valentín Paz Andrade ou o violín que Manuel Quiroga doou ao seu amigo Antón Losada Diéguez; o manuscrito autógrafo de Arredor de si, de Otero Pedrayo, o texto manuscrito do programa da I Asemblea Nacionalista, do que Xaime Quintanilla foi un dos asinantes; ou a carta-nota ao gobernador civil que anuncia que a Irmandade da Fala se converterá no Partido Galeguista.

“Nube da tarde” e unha paisaxe de Imeldo Corral, tres augadas de Felipe Bello Piñeiro, o estandarte de “Queixumes dos Pinos” da Coral Polifónica Follas Novas (1922),  a talla “Galicia, Nai e Señora”, de Uxío Souto (1926) son algunhas das obras de arte que tamén  forman parte da exposición.

Escoitando as Irmandades

irmandadesdafalalogo_0Saúde e Terra, irmá(n)s! é unha exposición para ver, pero tamén para oír.  Amosa, e permite escoitar, o disco coa primeira gravación do Himno galego, a cargo do Coro Cantigas e Aturuxos de Lugo. A formación musical gravouno días despois de o interpretar no peche da I Asemblea Nacionalista, celebrada en Lugo en 1918, xunto aos membros das Irmandades da Fala, que naquel encontro apostaron definitivamente polo seu carácter nacionalista e deixaron atrás o rexionalismo.

Esta evolución queda tamén patente nos versos de Cabanillas convertidos no himno “Pregaria” polo irmán Baldomir e interpretado para a exposición polo cuarteto Rebentos. Exhíbese ademais un dos cartóns postais nos que se difundiu a partitura e a letra, na que o poeta se referiu inicialmente a Galicia como “rexión”, termo que cambiaría polo de “nación” nunha versión posterior. Outro documento sonoro para a ocasión permite escoitar a muiñeira para piano que Faustino Temes compuxo para Galicia. Diario de Vigo. A cabeceira (1922-1926) da que foi redactor xefe Roberto Blanco Torres contou entre os seus colaboradores con distintos membros das Irmandades. A melodía escrita para o xornal serve de fondo musical á creación audiovisual que completa a exposición.

Entidades colaboradoras

O proxecto expositivo de conmemoración do centenario das Irmandades da Fala organizado pola RAG, a Deputación da Coruña e o Museo do Pobo Galego conta co apoio de catorce entidades colaboradoras: a Real Academia Galega de Belas Artes; as fundacións Penzol, Otero Pedrayo, Antón Losada Diéguez, Vicente Risco, Castelao, Alexandre Bóveda, Isla Couto, Antonio Fraguas, Galiza Sempre e Moncho Reboiras; o Museo de Pontevedra, o Departamento de Galego-Portugués da UDC e Galiza Cultura.

Ademais dos fondos cedidos para a ocasión pola RAG e o Museo do Pobo Galego, a maioría de entidades colaboradoras participan tamén na mostra como prestadoras. Esta homenaxe ás Irmandades amosa ademais documentos e pezas de arte cedidas tanto pola Fundación Barrié, o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, o Museo Carlos Maside, o Museo de Belas Artes da Coruña, o Parlamento de Galicia e a Biblioteca Provincial da Coruña, como por particulares, algúns deles familiares de integrantes das Irmandades da Fala.

Lea también

Cabanas conmemora o Día do Libro

O Concello de Cabanas conmemora o Día  do Libro, que se celebra este 23 de …

Un comentario

  1. Sempre chorando e levando as subvencios facendo panfletos ideoloxicos.