O PP de A Capela denuncia falta de trasparencia nas contas municipais

O grupo municipal do Partido Popular da Capela, encabezado polo seu portavoz, Santiago Meizoso, denunciou o «escurantismo e á falta de transparencia» que se apropiou da xestión local e das contas municipais. Os populares acusan ao rexedor, Manuel Meizoso, de non facilitar a información que fai referencia a un gasto de adxudicación directa na Conta Xeral do 2015 que ascende a 863.119,41 euros.

«Levamos desde o mes de agosto solicitando esta documentación sen ter resposta algunha do rexedor», subliña o portavoz popular, quen incidiu no feito de que «os veciños teñen dereito a saber con todo luxo de detalles en qué se gasta o alcalde os seus impostos». Santiago Meizoso reiterou tamén que «unha das obrigas da oposición é fiscalizar e controlar a un goberno local que debe estar a ocultar algo cando non facilita esta información e incumpre coa lei de transparencia».

Orzamentos faltos de contido

Noutra orde de cousas, os populares votaron en contra hoxe dos orzamentos presentados polo executivo local, ao entender que «as contas para o próximo exercicio están faltas de contido e de ideas, ademais de reflectir únicamente investimentos por valor de 55.000 euros».

«Son as contas dun goberno sen ambición, caduco e falto de propostas», apuntou Meizoso, quen subliñou que os orzamentos non contemplan os 268.841,79 euros que lle corresponden ao municipio do plan Pos Plus da Deputación da Coruña, e reflicten un gasto en funcionamento e persoal para o concello superior ao millón de euros.

Ademais, os populares aproveitaron o pleno celebrado hoxe para poñer sobre a mesa que o documento económico conta cun defecto de forma, xa que o concello está a gastar diñeiro municipal no pago de servizos que non lle corresponden. «Hai unha nota do interventor que avisa de que o concello non debe asumir os gastos da Escola de Música e recomenda centrarse nos servizos de competencia unicamente municipal para garantir a estabilidade orzamentaria», afirmou Meizoso.

Por último, os populares fixeron fincapé no feito de que o goberno local se vise obrigado a retirar do pleno o asunto que facía referencia á cesión dos camiños particulares no lugar de Buiña, despois de que o Partido Popular advertise de que o expediente non cumpría coa legalidade. «É só unha proba máis da mala xestión do equipo de goberno do PSOE. Informa mal aos veciños e crea confusión», concluíu Meizoso.

Lea también

Valdoviño inicia o proceso de contratación de dous técnicos de Turismo

O alcalde, Alberto González, informou esta mañá da apertura do prazo de presentación de solicitudes …