Narón recibirá do Plan Único da Deputación 1,8 millóns de euros ao longo do ano 2017

O alcalde de Narón, José Manuel Blanco, e os portavoces dos grupos políticos recibiron esta mañá a visita da vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, na que foi «a primeira vez desde que eu son alcalde e coa excepción da etapa de Pablo Villamar na vicepresidencia da institución (2007- 2011) que desde a Deputación se amosa sensibilidade cara ao noso Concello», sinalou o rexidor naronés.

A visita centrouse na valoración do Plan Único que a Deputación vén de pór en marcha e que suporá, como matizou Sanmartín, nunha partida de 1,8 millóns. A iniciativa, explicou, «ofrece ademais ao Concello unha autonomía moito máis ampla para facer e decidir en que quere investir eses cartos». A vicepresidenta da institución provincial explicou que «no Plan Único inclúese o que era o Plan de Obras e Servizos (POS), o Plan de Aforro e Investimento (PAI), os remanentes do exercicio pasado e até once liñas de subvención que anteriormente había que tramitar de xeito independente». Así, destacou que o devandito Plan «pretende tamén unha maior simplificación administrativa e estabelece unha maneira de traballar moito máis obxectiva e transparente».

A xuntanza permitiulle tamén a Sanmartín coñecer de primeira man «as suxestións a respecto doutras necesidades que poida haber no Concello, tanto en vías e travesías como noutras infraestruturas e instalacións, para traballar xa de cara ao próximo ano».

Pola súa banda, o alcalde naronés sinalou que o Plan Único «representa para Narón a culminación de algo que levabamos reclamando desde hai moitísimos anos: equidade e un baremo igual para todos os Concellos da provincia». «Agora sabemos con que cartas xogamos todos». Salientou, asimesmo, o paso que o Plan Único supón no referido á tramitación e á burocracia, xa que, dixo, «evitamos así a continua convocatoria de subvencións que multiplicaba innecesariamente o traballo de técnicos e funcionarios de ámbalas dúas administracións».

Blanco lembrou que a Deputación posúe en Narón moitísimas vías e que no decurso da xuntanza puideron abordar o estado de execución no que se atopan os proxectos da estrada do Trece e do Feal e a senda de San Xiao, entre outros. «Por primeira vez podemos falar de cousas tanxibles, de obras e proxectos concretos», rematou.

Trala reunión no Concello, a comitiva desprazouse ao Pazo da Cultura, onde a concelleira da área, Marián Ferreiro, lle mostrou á vicepresidenta da Deputación as instalacións e explicoulle o funcionamento das diferentes escolas municipais que se desenvolven neste espazo.

Lea también

La ASCM conmemora el día del libro con un MercaLIBRO solidario

La Asociación Sociocultural ASCM organiza este viernes 19 en el local social de A Gándara …

Un comentario

  1. El alcalde, haciéndole la rosca al BNG porque sabe que sin ellos no tiene gobierno en Narón. Hablar de «cosa tangible» lo relativo a la ampliación de la Carretera de San Julián o la del Feal, suena a broma de mal gusto, porque llevamos más de 15 años con promesas incumplidas y sin que le Concello mueva un dedo.