Promoción Económica de Narón apoia con 21.000 euros o comercio e o sector marisqueiro

O alcalde de Narón, José Manuel Blanco, e o concelleiro de Promoción Económica e Xestión Orzamentaria, Pablo Villamar, asinaron esta mañá os convenios de colaboración que permitirán á Confraría de Pescadores de Ferrol e á Asociación de Comerciantes de Narón desenvolver parte das súas actividades.

Así, o Concello achega 12.000 euros ao pósito ferrolán, do que forman parte varias decenas de familias naronesas. Con esta partida, acordada coa patroa maior da confraría, Isabel Maroño, a administración local contribuirá aos gastos de funcionamento da entidade co obxectivo de apoiar o desenvolvemento sustentable da súa actividade, así como de manter os postos de traballo actuais e modernizar o seu funcionamento.

Con 9.000 euros financiará o Concello unha parte do programa de actividades da Asociación de Comerciantes de Narón, presidida por Olga Ameneiro. A finalidade do convenio asinado esta mañá é potenciar unha maior fluidez co sector do comercio minorista do municipio e promocionar o mesmo a través de diferentes campañas.

O concelleiro de Promoción Económica, Pablo Villamar, subliñou a importancia que para Narón teñen ámbolos dous sectores. Así, destacou que o acordo coa confraría de mariscadores e pescadores de Ferrol é unha das apostas do seu departamento, «non só pola relevancia que ten para moitas familias do noso concello, senón tamén porque estamos convencidos de que é un sector que ten moita marxe de crecemento, sempre e cando as condicións sexan as idóneas». Neste sentido, reivindicou o saneamento integral da ría «para potenciar a súa produtividade e crear máis empregos dos que existen actualmente».

En canto ao sector do comercio local, Villamar asegurou que a colaboración coa entidade que preside Olga Ameneiro é «constante e moi frutífera», e salientou a boa disposición que existe entre o goberno local e este colectivo para desenvolver iniciativas que redunden na vitalidade do sector. «O noso interese céntrase en afortalar o sector do comercio polo miúdo, e non só porque xera emprego e ofrece un servizo de calidade, senón porque dinamiza o propio concello e porque contribúe a lle dar vida á cidade».

Lea también

Almorzo para recadar fondos para o Centro de Recursos Solidarios de Narón

Unhas 250 persoas acudirán este sábado 30 á comida organizada para recaudar fondos para o …