Narón destina 18.500 euros para o financiamento das actividades de ASCM, Aspanemi e Exalcohólicos

O alcalde de Narón, José Manuel Blanco, e os concelleiros de Promoción Social e Igualdade e de Medio Ambiente e Sanidade, Teresa Sabio e Octavio Dopico, respectivamente, asinaron esta mañá cos presidentes da Asociación Sociocultural ASCM, Ángel Gárate; da Asociación de Pais de Nenos con Minusvalía, Montserrat Fraga; e da Asociación de Exalcohólicos de Ferrolterra, Miguel Fraga, os convenios de colaboración que lles permitirán desenvolver parte das súas actividades.

O Concello achégalle á Asociación Sociocultural ASCM a cantidade de 15.000 euros para levar adiante o seu programa de atención a persoas con discapacidade, centrado principalmente nas persoas con diversidade funcional.

Así, a través do devandito acordo, Asociación Sociocultural ASCM ofrecerá aos seus usuarios información e asesoramento sobre a tramitación de certificados de discapacidade, tarxetas de estacionamento ou prestacións, entre outros, así como accións formativas en novas tecnoloxías e cultural en xeral ou transporte adaptado.

Un total de 2.000 euros recibe a Asociación de Exalcohólicos de Ferrolterra co obxectivo de que poda levar adiante o programa Intervención psicoeducativa en bebedores abusivos ou de risco do concello de Narón.

Pola súa banda, a Asociación de Pais de Nenos con Minusvalía –Aspanemi- recibirá 1.500 euros que investirá no seu programa de atención a persoas con minusvalía. Entre as accións enmarcadas neste programa destaca o servizo de información e asesoramento a familias e actividades como un ciclo de conferencias sobre a súa problemática, o programa Respiro familiar, hipoterapia ou esquí adaptado.

O rexedor naronés, José Manuel Blanco, explicou que o Concello ten como prioridade a atención ás persoas con necesidades especiais e, nesa liña, asegurou que «estamos comprometidos coas entidades que traballan a cotío con elas e que mellor coñecen a realidade do día a día».

Lea también

Narón acomete melloras no firme de varios parques infantís

A alcaldesa da cidade de Narón, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Obras e Urbanismo, …