DeporNadal 2016 acolle a preto dun centenar de rapaces de Narón

Un total de 98 rapaces empadroados en Narón, de entre 6 e 12 anos, inscribíronse este ano nalgunha das actividades do programa DeporNadal, impulsado desde o Padroado de Deportes de Narón. O concelleiro responsable da área, Román Romero, valorou o éxito, un ano máis, desta proposta «pensada para que os menores poidan gozar da práctica de varios deportes durante o seu período de vacacións de Nadal». As sesións desenvólvense en diferentes instalacións localizadas no termo municipal e rematarán o vindeiro 4 de xaneiro, programándose dúas modalidades deportivas por día, dunha hora e media de duración cada unha delas. A maior parte dos participantes nesta proposta anotáronse en varias actividades deportivas, tal e como recalcou o edil naronés, que visitou aos participantes nas programadas hoxe no polideportivo da Gándara.

Esta mañá 43 nenos participaron de 10 a 11:30 horas nas clases de Remo e 51 nas de Natación, na hora e media seguinte, no polideportivo da Gándara. Mañá será o turno, tamén no polideportivo da Gándara, das actividades de Judo, ás que se anotaron 42 persoas e Balonmán, con 52 inscritos. O venres desenvolveranse as dúas últimas actividades convocadas para esta semana no polideportivo da Gándara: Voleibol, con 55 inscritos, e Baloncesto, con 59.

A vindeira semana, o luns día 2 de xaneiro será o turno do Xadrez, na que participarán durante as tres horas 49 rapaces e que se convocou no local social do Alto do Castiñeiro; o martes 3 haberá sesións de Golf no Club de Golf Campomar, no Val, tamén durante toda a mañá, e con 44 persoas anotadas e, finalmente, o día 4 serán as clases de Pádel, con 60 participantes, nas instalacións de Pádel San Mateo e de PadelByFit, no polígono de Río do Pozo.

A completa oferta de actividades de DeporNadal 2016 comezou a desenvolverse o pasado luns, día 26, no polideportivo de Campo da Serra, en Santa Icía, donde 42 menores estaban anotados a Fútbol Sala e 51 a Tenis de Mesa, que tiveron lugar de 10 a 11:30 e desde as 11:30 ata as 13 horas, respectivamente. Na xornada do martes pasado, 60 nenos foron a Tiro con Arco e 53 a Patinaxe.

O programa DeporNadal, que é de balde para os rapaces aos que se dirixe, conta coa colaboración dos clubes Cidade de Narón, Arco Narón, a Agrupación Deportiva Náutico Narón, Narón Volea, Tenis de Mesa Narón, PadelBy Fit, San Mateo Centro de Padel, Agrupación Deportiva Santiago Apóstol, Judo Club Narón, Club de Remo Narón, Círculo Xadrez Narón, ACD Gazapo e Club de Golf Campomar.

Lea también

A Biblioteca de Narón e a Axencia de Lectura da Gándara retoman “Trocolibro”

A Biblioteca de Narón e a Axencia de Lectura da Gándara retoman dende este luns …