Os cruceiros de As Pontes, un patrimonio pouco valorado

No mes de Novembro do pasado ano tivo lugar en Ourense o VII Congreso Galego de Cruceiros. Un dos traballos presentados no devandito Congreso foi o titulado «Os cruceiros e cruces de pedra do Concello de As Pontes de García Rodríguez», obra de noso colaborador Juan J. Burgoa Fernández, Vicepresidente da Asociación de Amigos dos Cruceiros, que leva máis de 25 anos dedicado ao estudo destas obras da arte popular.

Publicado o Libro de Actas do Congreso, aparece no mesmo o traballo de Juan J. Burgoa, no que fai un percorrido polos trinta cruceiros e dez cruces de pedra que se levantan ao longo dos case 250 km2 de extensión e un total de 13 parroquias do concello de as Pontes. Por mor da situación xeográfica do termo municipal, a cabalo entre a zona costeira de As Mariñas e a comarca interior lucense de A Terra Cha é moi variada a caracterización formal destes cruceiros, feito que se reflicte en obras de diferentes tipoloxías, tanto coruñesas como lucenses.

Salientan como exemplares de maior interese no concello de As Pontes os cruceiros do poboado de As Veigas e da capela da Virxe do Carmo, ambos na vila de As Pontes, os de San Pedro de Eume, de Santa María de Espiñaredo, de San Xoán de Freixo e da capela dos Remedios de Marraxón. Cumpre citar ademais a presenza de diversos exemplares feitos de serpentina ou pedra de toelo, material máis dúctil ao traballo dos canteiros que a pedra de granito, exemplares que se poden ver en diferentes lugares dos concellos das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal.

Ata o momento actual tiveron lugar ata sete Congresos sobre estes senlleiros monumentos galegos, que foron organizados pola Asociación de Amigos dos Cruceiros e Cruces de Pedra en diferentes lugares de Galicia, celebrados co xeneroso apoio dalgúns concellos e de varios museos galegos (Lugo, Betanzos, Pontevedra e do Pobo Galego de Santiago) e, como contraste, con escaso apoio e práctico desinterese da Xunta de Galicia e das Deputacións Provinciais.

Segundo declarou o autor do traballo o Concello de As Pontes de García Rodríguez dispón dun notable número destas obras da arte popular pertencentes ao Patrimonio Etnográfico, cuxa propiedade en ocasións é da Igrexa e outras de propiedade comunal ou dos propios veciños. En todo caso estas obras deberían estar non soamente inventariadas no Catálogo de Bens Culturais do Concello, se non tamén ben protexidas e postas en valor.

Lea también

Un conductor investigado al circular por Ortigueira a 188 km/h en una carretera limitada a 90

Efectivos del Subsector de Tráfico de la Guardia Civil de A Coruña investigaron al conductor de …