Illa e mar da Marola vistas polos poetas

A illa da Marola, pola súa situación é un punto de encontro e confluencia das correntes mariñas oceánicas e as das rías da Coruña, Ferrol e Ares, dando lugar, por mor da súa configuración xeográfica, a unha mar normalmente moi batida e, que en determinadas circunstancias de vento, chega incluso a ser arborada, o que xustifica a sona popular que se reflicte en abondosos refráns e ditos populares como aquel tan coñecido que di: «O que pasou a Marola, pasou a mar toda».

Unha das máis antigas representacións cartográficas onde aparece a illa da Marola é nunha carta náutica da colección Martínez-Barbeito, hoxe no Arquivo do Reino de Galicia. Trátase da titulada «Plan de la baye et port de La Corogne», precioso gravado en cobre coloreado a má, impreso en París no ano 1764 con toponimia no idioma francés. Na devandita carta aparecen dous illotes xuntos e rotulados como Roches de la Marola mentres na costa se pode ver a Pointe de Monte Branco (o noso cantil do

Porto da Coruña, carta náutica ano 1764

Seixo Branco).

Seguindo ao filólogo Álvaro Porto, a verba Marola significa «estado de axitación violenta do mar, formando grandes ondas», que é como o define o Dicionario da lingua galega de la Real Academia Galega o, segundo E. Rodríguez González, «propensión de las aguas a formar oleaje». Na mesma liña pronúnciase o Diccionario de la Real Academia Española, admitindo a existencia en castelán desta palabra co anterior significado: «movimiento de las olas del mar grandes”. Cumpre tamén ter en conta que o Diccionario de fraseoloxía galega, editado en Santiago o ano 1991, recolle a frase aínda hoxe utilizada «Has de ir ao mar da Marola», que quere dicir «Aínda que poñas interese, hache de custar traballo».

No campo da canción popular aparece recollido de xeito profuso este topónimo. A publicación Colección de Cantares Gallegos, que Casal e Lois recompilou o ano 1865 inclúe a seguinte cantiga:

 «Rema, barqueiriño, rema,
bótame d´esta mar fora,
que me dí mêu corazón
qu´hei de morrer n-a Marola».

Illa da Marola co Marolete ou Marolín á esquerda

Outra serie de coplas populares cantan á Marola, que foi de sempre motivo de inspiración e obxecto de atención popular pola bravura con que a bate a marusía. Diversas variantes dunha cantiga referente á mesma aparecen recompiladas por Carmen Hermida na súa obra «Polo mar abaixo vai ….» , publicada o ano 2003:

 «Pasei a mar da Marola, Moreniña por te ver
ferrolana por te ver, pasei a mar da Marola,
paseina de madrugada moreniña por te ver
a piques de me perder. pasaría eu a mar toda».

No que atinxe ás representacións gráficas da coñecida illa pódese salientar un gravado de Antonio de Caula do ano 1883 titulado «La peña de la Marola» na que aparece a devandito penedo arrodeado dun encrespado mar, mentres aparecen en primeiro termo un pequeno vapor e dúas barcas despregando ao vento as súas velas latinas.

A pena da Marola, ano 1883

Tamén o mundo musical dedicoulle a súa ollada á illa da Marola. O antigo grupo coruñés de música rock «Os Diplomáticos de Monte Alto», tiña no seu repertorio a canción titulada «Marola» na que dicían:

 «?Onde está a Maroliña,
onde estás que te quero ver¿
Avante toda, co mar ás costas,
Marola de meu querer».

Do mesmo xeito os poetas galegos cantaron a este accidente xeográfico que a tradición mariñeira converteu en lugar temible. Curros Enríquez, o poeta de Celanova, canta á illa da Marola na súa e combativa composición que titulou «En corso»:

 «Mariñeiros da Marola, reparade as velles redes,
de illas Cíes e do Orzán, os coitelos afiai,
remendade ben as velas, i aprestaivos, mariñeiros,
dáille sebo ás cordas xa; pola patria a mariñar».

María Mariño, a poeta noiesa galardoada co premio do Día das Letras Galegas, durante a súa estancia de verán na Coruña dedicoulle un dos seus derradeiros poemas:

 «Crucei o mar da Marola
e faloume no seu son,
faloume aberto en voz sonora
e ritmo forte».

O ronco son do axitado mar da Marola inspirou tamén a varios poetas no idioma castelá. O historiador ferrolán Benito Vicetto publicou unha expresiva poesía titulada «La peña de la Marola» o ano 1833 na Revista Galaica, na que di:

 «Negro peñasco que elevas fragmento de la osamenta
tu frente sobre las ondas, de esta tierra en que nacimos,
sin que ni un día la escondas inmóvil peñón que vimos
en los abismos del mar; siempre altivo, siempre igual».

Marola é tamén un sonoro nome feminino. Chámase así a atractiva moza protagonista da zarzuela «La Tabernera del Puerto», a emblemática obra que compuxo Pablo Sorozábal o ano 1936. Así mesmo Marola é o título dun drama de reivindicación galeguista que Ramón Suárez Picallo, emigrante natural do concello de Sada, estreou con música de Exidio Paz no Teatro Mayo de Bos Aires o ano 1925.

A pesares da sona do perigo que sempre tiveron as augas da Marola non foron moitos os naufraxios e accidentes rexistrados nas súas inmediacións. Non obstante, tivo gran resonancia a morte por afogamento nas augas da Marola en xuño de 1935 de Teodoro Morgade, poeta nacionalista nado en Baio, cantor do Mar de Fisterra.

 «Farallón branqueado pola escuma mariña, as augas da Marola foron sempre un paso difícil para a navegación, onde recibían o primeiro golpe de mar os emigrantes que viaxaban a América e tamén o último os pesqueiros que viñan de volta do Gran Sol. De sempre as dornas arborando as súas velas e os vapores de viaxeiros que facían a ruta da Coruña a Ferrol estiveron sometidos aos embates das encrespadas ondas do mar da Marola».

Pola transcrición Juan J. Burgoa

Lea también

Entrega de premios en Ferrol a los ganadores del IV Concurso de Fotografía “Puerto y Ciudad”

Este viernes 19 de abril, tendrá lugar en Ferrol la entrega de premios a los …