Unhas novecentas persoas solicitaron algunha das prazas ofertadas a través do programa formativo naronés

A concelleira de Formación, Novas Tecnoloxías e Mocidade de Narón, Natalia Hermida, valorou positivamente a convocatoria do programa municipal de formación correspondente a 2016, desenvolvido na localidade entre os meses de febreiro e decembro. A edil naronesa destacou o feito de que un total de 267 persoas remataron con éxito as accións formativas convocadas no marco do citado programa, «co que obtiveron unha acreditación, a través do pertinente diploma, que recoñece a súa capacidade para levar a cabo tarefas relacionadas cos cursos realizados, que abarcaron diferentes áreas». A concelleira destacou o«“esforzo inversor realizado desde o goberno local, que destinou a estas accións formativas unha partida que chegou a superar os 100.000 euros, procedentes das áreas de Formación, Novas Tecnoloxías e Mocidade».

Hermida recordou que o programa, dirixido a persoas desempregadas da localidade, ten tódolos anos moi boa aceptación entre a veciñanza. «Un feito que se constata coa elevada demanda de prazas en cada un dos cursos ofertados, e que o ano pasado foi dun total de 885 solicitantes para as 323 vacantes que se convocaron durante 2016 a través desta iniciativa». En conxunto, recordou a edil, impartíronse 3.152 horas de formación, teórica e práctica. Ao respecto, a concelleira naronesa recordou que en determinadas accións formativas as prácticas realízanse en diversas empresas, ás que agradeceu «a súa constante colaboración e tamén o feito de que nalgúns casos, esas prácticas rematen cun contrato de traballo».

En canto ao balance final, a edil explicou que «o índice de persoas que rematou con éxito en 2016 os cursos realizados superou o 80%, unha cifra moi elevada e que podería incluso ser superior de non rexistrarse casos, como aconteceu, de persoas que ben por motivos persoais ou laborais tiveron que abandonar o curso unha vez iniciado».

As accións formativas ofertadas no marco do programa foron, no apartado de Inclusión Tecnolóxica, seis accións de: Xestión Empresarial con Software Libre (260 horas e para 10 persoas); Habilidades dixitais básicas (100 horas e para 20 persoas en dúas edicións); Marca persoal-diferenciarme nas redes (60 horas e 10 persoas) e Alfabetización dixital: Ofimática, trámites online, busca de emprego a través de internet (110 horas e 10 persoas, en dúas edicións). No apartado de Ámbito Interprofesional convocáronse os de: Prevención de Riscos Laborais, Medio Ambiente Naval e Prevención de Riscos no Naval (76 horas e 20 persoas); Medio Ambiente no Naval e Prevención de Riscos no Naval (16 horas e 20 persoas); Operador carretilleiro/a e operador/a de Plataformas Elevadoras con certificación UNE (35 horas e 48 persoas); Hixinene Alimentaria para manipuladores de alimentos (5 horas e 20 persoas); Primeiros Auxilios (5 horas e 20 persoas); Conversa en Inglés (80 horas e 15 prazas) e Atención ao público e habelencias comunicativas (150 horas e 15 prazas). Por último, no Ámbito de iniciación profesional –todos eles con 100 horas de prácticas profesionais non laborais en empresas- desenvolvéronse os de: Electricidade Básica (300 horas e 15 persoas); Servizos de cafetería e bar (230 horas e 15 persoas); Peixería (300 horas e 15 persoas); Panadería e Bolería (310 horas e 15 persoas). Tamén se levaron a cabo os de Xestión de almacén-Carretilleiro/a (100 horas e 15 persoas) e Carnizaría (400 horas, das que 100 foron prácticas, e 15 persoas). Por último, no Ámbito da Innovación e TIC convocouse un de Programación e Robótica para futuros formadores (300 horas e 15 persoas) que incluíu prácticas en diferentes centros educativos.

A edil de Formación e Novas Tecnoloxías avanzou que no ano que acaba de comezar «desde o goberno local continuaremos apostando por ofrecer aos veciños e veciñas de Narón un completo programa de accións formativas». Natalia Hermida subliñou a importancia de «mellorar e incrementar a formación de todas as persoas desempregadas para que poidan ter máis facilidades e oportunidades á hora de acceder ao mercado laboral».

Lea también

Narón acomete melloras no firme de varios parques infantís

A alcaldesa da cidade de Narón, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Obras e Urbanismo, …