Entregados os premios a «usuarios de honra 2017» da biblioteca municipal de Narón

A Biblioteca municipal do Alto acolleu na mañá deste sábado o acto de distinción dos dez «Usuarios de Honra 2017» das instalacións con motivo da celebración «Día dos usuarios e das usuarias das bibliotecas», que se conmemora cada 11 de xaneiro.

A edil da área, Mercedes Taibo, presidiu a convocatoria, que se iniciou ás 11.30 horas, e comezou a súa intervención desculpando a ausencia do alcalde, José Manuel Blanco, que por motivos de última hora non puido acudir ao evento, tal e como estaba previsto. Taibo agradeceu a asistencia dos homenaxeados «a este acto tan importante para a Biblioteca municipal, porque todos e todas vós, veciñas e veciños de Narón, sodes fundamentais para este servizo».

A concelleira de Bibliotecas recordou que con este acto se aposta por recoñecer «a activa participación e a implicación destas persoas nas diferentes propostas impulsadas desde este servizo, así como a súa interacción a través das redes sociais durante o ano 2016».

A continuación procedeuse a entregar un diploma e uns agasallos institucionais aos cinco «Usuarios de Honra 2017» na categoría de Adultos: Margarita Silvosa Iglesias, Andrés Martínez Riveira, Rosa Montero Ferro, Carlos Noche Golpe e Patricia Alcaraz Guitián e, posteriormente, aos da Infantil (ata 14 anos): Sophie Airado Nunes, Mouhamadou Laye Niang, Candela Cabezón Barro, Lovette Diatta Diatta e Adrián Muíño Dacal. Sobre o último, Taibo destacou o feito de que, aos seus dous anos e medio, é a persoa de menor idade que recibiu, nas catro convocatorias desenvolvidas de xeito consecutivo, contando a de hoxe, a distinción de «Usuario de Honra».

Taibo recordou tamén que desde o ano 2015 o servizo conta con presencia activa nas redes sociais a través de Facebook –Biblioteca Pública Municipal de Narón- e Twitter -@BibliotecaNaron-, interactuando a través delas cos usuarios e usuarias.

Para finalizar a súa intervención a edil de Bibliotecas mencionou unha coñecida frase do escritor arxentino Jorge Luis Borges: «Hai quen non pode imaxinar un mundo sen paxaros; hai quen non pode imaxinar un mundo sen auga, e no que a min se refire, son incapaz de imaxinar un mundo sen libros». «Moitos e moitas de vós pensaredes o mesmo», asegurou Taibo.

A Biblioteca municipal comezou a funcionar no ano 1986 no actual edificio da Casa da Cultura –nas inmediacións da estrada de Castela- e no ano 2003 inauguráronse as actuais instalacións, localizadas na rúa 25 de Xullo, a escasos metros do Concello. Na actualidade, un total de 16.405 persoas teñen o carné que os acredita como usuarios deste servizo, no que se ofrece a posibilidade de lectura en sala, formación a usuarios e usuarias, préstamo a domicilio e hemeroteca, entre moitos outros.
O horario de apertura das instalacións durante a tempada de inverno é de luns a venres, de 9.30 a 13.30 e de 16.00 a 21.00 e os sábados de 10.00 a 13.00.

Lea también

O BNG de Narón denuncia o abandono da cartelería informativa das rutas de sendeirismo e etnográficas.

O BNG de Narón solicita ao goberno municipal o arranxo da cartelería informativa que se …