Aberto o prazo de inscrición nunha nova andaina do programa municipal «Ponte en ruta con nós»

As persoas interesadas en participar na primeira das andainas programadas para este ano no marco da segunda edición do programa municipal Ponte en ruta con nós poden inscribirse xa no pavillón polideportivo da Gándara. A camiñata terá lugar o vindeiro día 29 de xaneiro e discorrerá polas inmediacións do Castelo da Palma, no concello de Mugardos. A iniciativa aposta por promover o exercicio ao aire libre e, ao tempo, dar a coñecer o patrimonio local e da comarca, a través dos diferentes roteiros convocados ao longo do ano, tal e como recordou o edil de Deportes, Román Romero.

O traxecto, duns catorce quilómetros, partirá do Castelo da Palma e percorrerá un tramo da zona costeira de Mugardos para regresar de novo ao citado Castelo. Os participantes deberán estar ás 9:15 horas nas inmediacións do pavillón polideportivo da Gándara, desde donde sairán en autobús cara ao punto de inicio do percorrido para regresar a Narón unha vez rematada a andaina. O prezo por asistir é de tres euros, cantidade coa que se abona o desprazamento dos camiñantes.

As inscricións deben realizarse –antes do mércores previo á data de saída- no polideportivo da Gándara, en horario de 10 a 13 e de 16:30 a 18:30 horas de luns a xoves, e os venres de 9 a 13 horas. Os menores de 18 anos que desexen asistir deberán ir acompañados dun adulto.

A seguinte ruta do programa, organizado polo Padroado de Deportes de Narón e a empresa Arasti Barca, será o 26 de febreiro, polo Alto da Lagoa e con saída de Baltar.

No caso de alerta laranxa ou vermella por parte dos servizos de Aemet (Axencia Estatal de Meteoroloxía) suspenderase a actividade.

Lea también

Narón-Entrega dos premios do “Concurso de imaxes pola igualdade para escolares”

Marcos Díaz, Raúl Díaz, Manuela López, Estela Gulias, Yaiza Amenedo e Elías Fontao, e alumnos …