Os grupos municipais de Fene achegan posturas sobre as obras que se incluirán no POS+

(Foto: Galicia Ártabra).

O goberno local e mailos grupos na oposición de Fene reuníronse ao longo desta mañá para tratar de chegar a un acordo sobre as obras e outros investimentos que se proporán para o Plan único de concellos POS+ financiado pola Deputación da Coruña. Enriba da mesa púxose un listado de 19 actuacións presentado polo equipo de goberno, ao que se lle engadiron media ducia de iniciativas propostas por PP, Somos Fene e, principalmente, polo PSdeG-PSOE. Trala primeira toma de contacto que, segundo o alcalde, se desenvolveu nun ambiente «construtivo», agora toca elaborar as memorias valoradas de cada intervención e, tan pronto como estean listas, os grupos municipais volverán reunirse para priorizar as que se executarán con cargo ao plan provincial.

A cuestión é que Fene ten asignados algo máis de 775.000 euros que se destinarán a obras e infraestruturas municipais nun 75%, mentres que o 25% restante irá case na súa totalidade ao finanzamento de programas que antes contaban con liñas de axuda específicas e que agora a Deputación financiará por medio do plan único. Nese 25 por cento tamén se incluirá «unha pequena cantidade» referida ao amortecemento de débeda municipal.

Iso si, cómpre ter en conta que esa contía inicial -os 775.000 euros- seguramente se vexa incrementada ao longo do ano con remanentes do peche do exercicio de 2016 e tamén co sumatorio das baixas que se produzan nos procesos de contratación pública.

Neste contexto, os partidos que conforman o goberno de Fene e os da oposición reuníronse onte martes e hoxe mércores para acordar cales serán as actuacións que se inclúan no POS+. Como punto de partida tomouse un listado elaborado polo equipo de goberno con case unha vintena de propostas coas que, segundo o alcalde, “todos coincidimos en que son necesarias e urxentes”.

No listado incluíronse, ademais, as achegas formuladas polo resto de grupos, concretadas en alomenos seis iniciativas con entidade suficiente para convertérense en proxectos de seu e referidas a obras tanto na zona urbana como en distintas parroquias.

De todas elas farase unha primeira cuantificación técnica que, case con total seguridade, superará o importe total do POS+. De aí que os cinco grupos da corporación quedasen en volver reunirse en breve para “priorizar as actuacións que poidan entrar directamente no programa provincial e decidir as que deberán agardar a que se xeren baixas ou remanentes que permitan executalas máis adiante”, tal e como explica Juventino Trigo.

O alcalde destacou que as xuntanzas se desenvolveron “nun ambiente construtivo” e agarda que os proxectos consensuados poidan levarse a pleno na primeira quincena do mes que entra para ter toda a documentación presentada na Deputación da Coruña antes da data límite do 24 de febreiro.

Lea también

La Guardia Civil investigó a un vecino de Miño por circular dos veces con su coche en sentido contrario el mismo día

El Grupo de Investigación y Análisis de Tráfico (GIAT) del Sector de Tráfico de Galicia, …