Este xoves os grupos municipais de Fene tratarán de pechar o listaxe de obras do POS da deputación

O executivo formado polo BNG e IU no Concello de Fene agarda concretar antes da fin de semana o listado de proxectos que se financiarán con cargo ao Plan Único de Concellos POS+ da Deputación. O alcalde, Juventino Trigo, contactou cos grupos da oposición para xuntárense este xoves tralo pleno ordinario de febreiro co obxectivo de chegar a un acordo sobre as obras elixidas.

Nos últimos días houbo varios encontros nos que, segundo o rexedor, quedou patente a coincidencia das cinco formacións “na maioría dos investimentos” propostos inicialmente polo goberno. Porén, tal e como asegurou Trigo, o acordo non é total debido á diferenza de pareceres sobre a posibilidade formulada por PSOE e PP de construír dúas pistas de pádel en terreos do CMI Unidade de Fene. Para o goberno local esta infraestrutura non sería unha actuación “prioritaria nestes momentos”, mentres que populares, socialistas e  Somos Fene estarían condicionando o seu apoio ao POS+ a que as canchas sexan incluídas na lista de obras urxentes financiadas con fondos provinciais.

O goberno local presentoulles aos grupos da oposición a semana pasada -despois de varios contactos- unha relación con case unha vintena de actuacións sobre a que negociar. Na súa maioría eran infraestruturas públicas que xa viñan consensuadas co tecido asociativo e que, de feito, se refiren a demandas expresadas polas entidades veciñais do municipio coas que o executivo se reuniu en decembro.

Nos últimos días goberno e oposición mantiveron varios encontros. O último na mañá deste mércores,  ao que asistiu o Partido Popular. A finalidade das xuntanzas foi a de adoptar un acordo unánime por parte de todos os grupos municipais sobre que obras executar cos 775.000 euros asignados pola Deputación e incluso definir xa as que poderían levarse adiante con posterioridade se o ente provincial incorpora máis remanentes económicos.

Juventino Trigo explica que nas xuntanzas mantidas “houbo coincidencia na maioría dos investimentos” e de aí que xa exista unha lista de intervencións valoradas en máis de 800.000 euros coas que todos os grupos estarían de acordo. Serían os saneamentos no Carril (Barallobre), do camiño do Regueiro (Sillobre) e no Feal (Magalofes); a conexión de redes ao novo colector en San Valentín; a mellora da rede viaria na rúa Unión-Soutovello (Maniños), no camiño de Mundín e na rúa Alta (Perlío); a ampliación de beirarrúas en Naturales de Fene e a estabilización e as obras de contención na ribeira do Cádavo, concretamente na rúa Río Cádavo en Perlío e na rúa Porto do Río, en Fene. O conxunto de obras sobre as que semella haber acordo péchase coa sustitución das tubaxes de abastecemento de auga e o reforzo do firme no tramo de rúa comprendido entre a Río Cádavo e o lugar das Chancas.

Neste momento o desencontro entre o bipartito BNG-IU e a oposición estaría na esixencia de PP e PSOE -co beneplácito de Somos Fene- de que se incorpore ao listado de actuacións a construción das dúas pistas de pádel en terreos propiedade do Círculo Mercantil e Industrial Unidade de Fene. “Estaríamos falando duns 140.000 euros de investimento. Desde o goberno local vemos a idea como unha posibilidade que se pode estudar para o futuro pero non como algo urxente nin prioritario, tendo en conta que hai infraestruturas de titulariedade pública que necesitan tamén melloras, como son as pistas deportivas de San Valentín ou as do colexio de Centieiras, en Perlío”, explica Juventino Trigo.

O alcalde fenés sinala que este xoves haberá unha última tentativa de alcanzar “un acordo total” sobre as obras que se incluirán no POS+. Os grupos municipais están citados para unha xuntanza que se celebrará ao remate do pleno ordinario, convocado para as 18.00h. e só con puntos de trámite na súa orde do día.

A listaxe de obras cos seus proxectos correspondentes deberá comunicárselle á Deputación da Coruña antes do 24 de febreiro.

Lea también

Un trabajador herido al caer desde un puente a las vías del tren en O Barqueiro

Un trabajador fue trasladado después de caer desde un puente a las vías del tren …