O Concello de San Sadurniño recibe aos triunfadores locais nos rallys de 2016

O salón de plenos de San Sadurniño acolleu no mediodía do sábado a recepción oficial ofrecida polo Concello aos pilotos e copilotos locais que o ano pasado tiveron unha actuación destacada no mundo do automobilismo: Javier Bouza e Iván Bouza como vencedores estatais da Dacia Sandero Rallye Cup e Adrián Gil e David Rodríguez como gañadores en Galicia da Copa Pirelli AMF. O alcalde, Secundino García, expresoulles o recoñecemento municipal por acadar estes premios, ademais de lembrar o papel doutros pilotos locais que, coma eles, corren “de xeito amateur e con moito esforzo”. Neste sentido o rexedor local anunciou que para este 2017 o Concello ten previsto apoiar “cunha pequena axuda” aos equipos locais que disputen probas do calendario galego ou estatal.

Na recepción desta mañá os pilotos estiveron acompañados de familiares e amizades, entre elas outros afeccionados ao motor que tamén participan “nun deporte minoritario”, tal e como dixo Secundino García. O rexedor manifestou o “orgullo” do Concello polos resultados obtidos na temporada pasada “nunha disciplina tan difícil”. En sinal de agradecemento, o alcalde e maila concelleira de Cultura e Deportes, Sabela Cinza, entregáronlles dúas láminas orixinais do artista Carlos García, alusivas en ambos casos ás victorias conseguidas polos catro deportistas.

Javier Bouza e Iván Bouza -o primeiro de Pedroso pero vinculado de sempre a San Sadurniño e o segundo de Ferreira- disputaron en 2016 a copa monomarca Dacia Sandero no seo do campionato nacional de rallys. Triunfaron nela e, de cara a esta temporada, darán un paso adiante cambiando de montura, un Renault Clío R3T oficial ao que accederon, precisamente, por ter vencido na copa Dacia. “O ano pasado foi ilusionante pero este ano é máis”, aseguraba esta mañá Javier Bouza, piloto do equipo TRS.

Malia recoñecer que o seu novo coche “non está para ganar rallys” si se mostrou confiado en conseguir situarse entre os 10 primeiros de Galicia. O piloto de Pedroso fai sociedade co ferreirés Iván Bouza anunciou que tentarán facer un bo papel no estatal e asistir a algunhas probas do campionato galego, pero sopesando moito a cales. “Queremos correr o rally de Narón, pero cadra moi cerca do de Ourense e teremos que mirar a ver”, explica Bouza. O piloto sinala en relación con esta cuestión que o Clío “é un coche superior” pero tamén unha montura “moi custosa de manter por cada rally”.

Por outra banda, Adrián Gil e David Rodríguez -o primeiro de San Sadurniño e o segundo de Bardaos- tamén teñen previsto correr o galego. En 2016 levaron a Copa Pirelli AMF con autoridade “e sacándolle ata tres minutos a coches moi superiores ao noso”, comenta Gil. Aínda que esta copa foi motivo de satisfacción para o equipo, o que máis destacan ambos foron os magníficos resultados alcanzados nas xerais do galego “9º scratch da xeral en Narón, un 10º en Tui…”.

En 2017 teñen en mente disputar o Volante FGA de novo sobre o Citröen Saxo 1.6 que tan ben lles foi a temporada pasada e que eles mesmos prepararon. Con todo, Adrián Gil explica que este ano tomará as cousas con máis tranquilidade “facendo carreiras igual aínda que non todas” para centrarse na súa actividade profesional e prepararse para afrontar o 2018 “quizais cun coche superior”.

Sobre o finanzamento dos equipos tamén falou o alcalde, Secundino García, quen asegurou que o Concello ten previsto habilitar “unha pequena axuda” para os equipos locais que disputan probas oficiais. “Se imos presumir de vós, tamén é lóxico que o Concello axude”, dixo o rexedor.

Lea también

Cambio nas saídas previstas na «I Travesía de caiac de mar Concello de Narón»

Ante a previsión de condicións adversas, por vento, na xornada do domingo día 21 informan desde …