O Baloncesto Narón busca ante o Instituto Rosalía a vitoria que o consolide na zona alta da clasificación

O Baloncesto Narón recibe mañá sábado (18:30 horas, pavillón da Gándara) ao Instituto Rosalía de Castro co obxectivo de lograr o triunfo que o consolide na zona alta da clasificación e lle permita manter as súas opcións de disputar o play-off de ascenso.

O conxunto que prepara Pablo Rodríguez vén de acadar unha vitoria en Vigo diante do último clasificado e quere despexar as dúbidas que xurdiron nos últimos minutos do partido, no que viu como o equipo rival recurtou a cómoda diferenza que os naroneses abriran na primeira parte. Enfrente terá un combinado que, se ben está por debaixo na clasificación, foi quen de lles gañar na primeira volta (93-80).

O técnico do Baloncesto Narón define o Instituto Rosalía como un “rival complicado: levan xogando moito tempo xuntos e é un equipo de canteira que conta ademais con xogadores que teñen experiencia en LEB Ouro e LEB Prata”. Nese sentido, destaca o equilibrio entre o xogo exterior –“Pablo Posse, Antón Bouzán e Darío Suárez son moi bos tiradores”, di- e o interior, “con pívots moi fortes que saben ler o xogo”.

Para este encontro, Rodríguez poderá contar con todo o plantel, logo de que Stoll xa se recuperara dos puntos que lle deron na man no partido contra o Chantada e de que Alberto Seco mellorara do seu proceso gripal. Para o adestrador do Baloncesto Narón, “os dous equipos temos un alto ritmo de xogo, co que é de supoñer que ámbolos dous estaremos cómodos e coido que a vitoria será para quen estea mellor en defensa”.

O adestrador do Baloncesto Narón asegura que esta xornada é fundamental para manter vivas as esperanzas de colarse na fase final da competición –agora mesmo a terceira praza está a dous triunfos-, xa que a vindeira semana terán que desprazarse ata León para xogar contra o terceiro clasificado, que marca precisamente o límite da zona nobre da categoría. “Ao longo deste mes”, explica Rodríguez, “decidirase que equipos pelexarán por esas prazas ata o final da liga regular e nós queremos estar aí. Temos esa ilusión e, para iso, temos que gañar, aínda que sabemos que non vai ser nada doado”.

Lea también

Atletas galegos participan no campionato de España Máster de 5K

Chegados prácticamente ao último treito do mes de abril, siguen desenvolvéndose as distintas probas de …