Uns corenta expositores daranse cita na XIII Mostra da Camelia Cidade de Narón

O Centro Comercial Dolce Vita Odeón acollerá esta fin de semana a décimo terceira edición da “Mostra da Camelia Cidade de Narón”, que inclúe a novena edición do “Concurso de Camelia Cidade de Narón”, no que se premiarán as mellores flores, expositores e composicións. O Concello de Narón e a Asociación Galega da Camelia organizan, xunto con outras entidades, esta convocatoria, na que participarán uns corenta expositores chegados de diferentes concellos de Galicia e doutras comunidades autónomas españolas e incluso de localidades portuguesas, o que permitirá ver máis de cincocentas variedades de flor durante a convocatoria.

A inauguración oficial deste evento terá lugar o sábado, ás 17.30 horas. O alcalde, José Manuel Blanco acudirá ao acto, xunto con outros edís da corporación local e tamén estarán presentes varios representantes da Asociación Galega da Camelia: Edmundo Novoa, presidente; Eusebio López, vicepresidente; Manuel Pico, secretario, e Manuel Cruz, tesoureiro. Tralas pertinentes intervencións e a deliberación do xurado –que terá lugar ao mediodía-, procederase á entrega dos premios do “Concurso de Camelia Cidade de Narón”. Distinguiranse ás mellores camelias japónica, reticulata, especie e híbrido de camelia, flor miniatura e tamén ao mellor cultivador-expositor e á mellor composición artística colectiva. Cada expositor deberá presentar un mínimo de dez lotes e o xurado valorará aspectos como o tamaño, o estado de apertura da flor e a colocación, entre outros. Na xornada do sábado a Mostra permanecerá aberta ata as 22.00 horas.

Por último, o domingo día 12 poderase visitar de novo a Mostra da Camelia, en horario de 10.00 a 18.00. Nesta xornada programouse ademais unha visita ó Xardín de camelias que Xosé María Rivera Arnoso, tamén integrante da Asociación Galega da Camelia, ten nunha finca da súa propiedade localizada na parroquia de Maniños, no termo municipal de Fene. A visita dará comezo ás 10.30 horas e os asistentes terán a oportunidade de ver centos de especies de camelias que ao longo dos anos foi plantando Rivera Arnoso, que comparten espazo nunha gran superficie con outros centos de árbores e arbustos chegados de diferentes países do mundo. A iniciativa partiu da Asociación Galega da Camelia, que promove unha visita en cada edición á plantación dalgún dos socios da entidade.

Lea también

La Asociación de Hosteleros de Narón y Ferrolterra acuerda con el concello de Narón la ampliación del horario de cierre durante Semana Santa

La Asociación de Hosteleros de Narón y Ferrolterra ha dirigido una solicitud formal al Ayuntamiento …