González Formoso presenta en Pontedeume as novas liñas de apoio a PEMES, autónomos e emprendedores do Plan de Emprego da Deputación

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, o deputado responsable da área de Promoción Económica, José Luis García, e o deputado provincial e alcalde de Pontedeume, Bernardo Fernández, presentaron na tarde deste luns na Casa da Cultura da localidade eumesa as novas liñas de subvención PEL-PEMES e PEL-EMPRENDE, incluidas dentro do Plan de Emprego Local (PEL) impulsado polo goberno provincial e destinadas a apoiar ás pequenas empresas, autónomos e emprendedores da provincia na contratación de novo persoal e na  posta en marcha de proxectos emprendedores.

Nun acto ao que estaban convocados representantes dos autómomos, emprendedores e pequenos empresarios eumeses, González Formoso sostivo que o PEL é “unha aposta estratéxica do goberno provincial para a creación de emprego no sector público e privado” e lembrou que a súa posta en marcha supuxo “multiplicar por seis” os recursos económicos que a Deputación asignaba a esta materia. Subliñou tamén que se trata da primeira vez que a institución provincial ofrecerá axudas directas á contratación.

As novas subvencións dos programas PEL- PEMES e PEL-EMPRENDE súmanse á liña PEL-CONCELLOS, xa en funcionamento dende 2016, e que permitiu, no seu primeiro ano de funcionamento, a inserción laboral de 519 persoas nos concellos da provincia.

PEL- PEMES cubre o 75% dos custes salariais das novas contratacións

Segundo explicou o presidente da Deputación, a liña PEL-PEMES, cun orzamento de 3 millóns de euros en 2017, está destinada ás pequenas e medianas empresas con domicilio fiscal en calquera dos 82 concellos de menos 20.000 habitantes da provincia e cubrirá o 75% dos custes salariais totais de cada nova contratación, incluidas as cotas á Seguridade Social, por un período mínimo de un ano. Como máximo poderase contratar a unha persoa por empresa.

Coa activación desta nova liña do PEL esperamos facilitar a creación de máis de 200 novos postos de traballo na provincia”, afirmou o presidente provincial, que explicou que serán as propias empresas as que seleccionen os perfís profesionais que precisan.  “Agardamos que moitas desas persoas axuden ás pequenas empresas a medrar e que sigan contratadas cando remate o ano durante o que a Deputación subvencionará os custes salariais”, apuntou.

As persoas a contratar deberán cumprir unha serie de requisitos, como estar empadroadas en calquera dos 93 municipios da provincia da Coruña, estar en situación de desemprego e inscrita nos servizos públicos de emprego, non ter mantido relación laboral coa empresa beneficiaria da subvención nos tres meses anteriores ou non ter relación de parentesco coa persoa empregadora.

Entre os criterios que se terán en conta para a concesión destas axudas están, entre outros: a duración do contrato e perspectivas de continuidade do traballador ao remate da subvención, o perfil profesional da persoa a contratar, o número de traballadores actuais da empresa ou o concello onde se ubique.

PEL- EMPRENDE, axudas de ata 20.000 € para apoiar aos mozos emprendedores

Valentín González Formoso explicou tamén polo miúdo a nova liña de subvencións do PEL-EMPRENDE, dotada cun orzamento de 1.480.000 euros e destinada a mozos e mozas de entre 25 e 35 anos, empadroados nos concellos da provincia da Coruña e que promovan inicativas empresariais de nova creación.

Segundo explicou o presidente provincial, a finalidade destas axudas é apoiar aos mozos emprendedores na posta en marcha súa idea de negocio a través de subvencións destinadas ao investimento en bens inventariables novos e necesarios para a realización da súa actividade empresarial, tales como maquinaria, aplicacións informáticas, mobiliario ou equipos e utillaxe de traballo. As axudas cubrirán investimentos de ata 40.000 euros (IVE excluído), dos cales o 50% (20.000 euros) poderá ser subvencionado pola Deputación.

"Con esta liña calculamos poder axudar a uns 100 emprendedores da provincia a pór en marcha o seu negocio”, apuntou González Formoso, que sostivo que esta liña “esixe un gran esforzo por parte da Deputación”, pero contribuirá a consolidar o tecido emprendedor da provincia “con novos proxectos que empezan de xeito moi modesto, pero que nuns anos poden chegar a consolidarse e ser referencia no seu sector”, afirmou.

Para a valoración das solicitudes a liña de subvencións do PEL-EMPRENDE, a Deputación terá en conta, entre outros aspectos, o carácter innovador da empresa, o número de traballadores, o sector profesional da mesma, dando maior puntuación ás iniciativas empresariais relacionadas co ámbito do medio ambiente, as enerxías renovables e as empresas de base tecnolóxica; así como aquelas que apliquen medidas de responsabilidade social empresarial, como medidas de conciliación da vida laboral e familiar dos traballadores, fomento da igualdade de xénero ou inserción laboral de persoas con discapacidade.

O prazo das solicitudes de ambas convocatorias está aberto ata o 3 de marzo.

 

Lea también

La mujer y vecinos del acusado de atropellar mortalmente a otro vecino en Cedeira declararon en la Audiencia Provincial

La mujer de Maximino Caruncho Pérez, el hombre acusado de atropellar mortalmente a  Juan José …