O Baloncesto Narón visita a difícil cancha do segundo clasificado da categoría

O Baloncesto Narón desprázase mañá sábado a León para medirse (20:30 horas, Palacio Municipal de Deportes) ao segundo clasificado do grupo A-B da Liga EBA, o Baloncesto León, equipo que na primeira volta inflixira a maior derrota no que vai de tempada aos pupilos de Pablo Rodríguez (79-104).

O conxunto naronés é consciente da dificultade do choque, pois o Baloncesto León só perdeu un partido na súa cancha, e por tan só un punto de diferenza, hai un mes contra o Estudiantes de Lugo. Con todo, só dúas vitorias separan os leoneses do equipo que adestra Pablo Rodríguez, que, ademais, está a tan só un triunfo da terceira praza –ocupada agora mesmo o Estudiantes de Lugo- que daría opción de xogar o play-off polo ascenso.

Eles están facendo un moi bo ano e, de feito, son os máximos anotadores da competición”, sinala o preparador naronés antes de engadir que “teñen un ritmo de xogo altísimo, un contraataque moi ben traballado e, en estático, propoñen un xogo de pases moi dinámico que lles permite lanzar a canastra con facilidade”. Para contrarrestar ese potencial, o Baloncesto Narón terá que imprimir moita intensidade no xogo e mellorar as súas prestacións como visitante logo de perder dous dos tres últimos desprazamentos.

Un bo resultado en León aumentaría as opción do club naronés de acceder á terceira praza, un obxectivo que, segundo explica Pablo Rodríguez, “superaría con creces o que nos propuxemos a comezos da tempada. Queremos intentalo”.

Lea también

Cambio nas saídas previstas na «I Travesía de caiac de mar Concello de Narón»

Ante a previsión de condicións adversas, por vento, na xornada do domingo día 21 informan desde …