A defensa do Patrimonio e a dinamita. A igrexa parroquial de San Rosendo de Canido (I)

Juan J. Burgoa

A pesares da existencia da antiga vila, logo aldea e despois barrio de Canido, desde séculos atrás, a existencia formal das súas parroquias remóntase á segunda metade do século XX. A parroquia de Santa Cruz de Canido creouse o ano 1964 e a de San Rosendo de Canido foi creada o ano 1968. Precisamente o próximo día 3 de marzo é a festividade de San Rosendo.

Como igrexa parroquial de San Rosendo utilizouse a capela do antigo cemiterio municipal de Canido, levantada entre os anos 1806 e 1808 polo arquitecto Miguel Ángel de Uría. O templo, que presidía a desaparecida necrópole funeraria, tiña orientada a súa fachada cara ao norte e a súa entrada porticada constituía a porta principal do cemiterio. Ao longo do tempo a capela sufriu diversas modificacións e reparacións, ata a súa actual utilización como templo parroquial de San Rosendo.

A fachada principal amosa a típica racionalidade do neoclasicismo, un sobrio frontal desprovisto de adobíos, coroándose cun amplo friso e frontón triangular. O conxunto remátase cunha cruz de pedra colocada sobre un pedestal, substituíndo a cruz retirada durante a Segunda República.

A capela do cemiterio de Canido. Recreación do pintor X.X. Braxe

O construtor da capela, Miguel Ángel de Uría, deseñou o retablo do altar principal que quedou listo en maio de 1816, un requintado traballo en madeira dourada do ebanista Miguel Vilariño. O retablo rematábase dunha cruz co seu sudario, flanqueada de dous serafíns, obra feita polo escultor Francisco Senra en decembro de 1816. Este conxunto do retablo e o seu remate hoxe se atopa desaparecido.

Segundo informa Pedro J. González, o pintor Agustín Robles contratou co Concello de Ferrol por seis mil reais de vellón, un cadro titulado “La unción y el entierro de Cristo”, máis coñecido por “El Descendimiento”, unha obra interesante e de boas proporcións. Rematado en maio de 1816, foi colocado no centro do retablo do altar principal.

O cadro, duns 2 x 4 metros de tamaño, consiste nunha copia dun lenzo de Antonio Rafael Mengs, predominando o equilibrio e a contención dentro da pouco relevo da composición e da curta gama cromática na que destacan os colores pardos. Céntrase no primeiro plano cunha tradicional escena da Pasión que amosa a Cristo xacente, acompañado da Virxe María, San Xoán Evanxelista e María de Magdala, e ata un total de trece figuras case de tamaño natural, mentres que ao fondo amósanse as tres cruces do Calvario.

O ano 1932 retirouse este cadro da capela por mor da Lei de Secularización dos Cemiterios e, segundo informacións non contrastadas, foi mercado pola parroquia de San Xulián, pola cantidade de 500 pesetas. Estivo colocado na capela do novo cemiterio de Catabois, desde a súa inauguración en xullo de 1945 ata o ano 1994, en que foi levado ás dependencias do Centro Cultural Municipal de Ferrol, por mor da humidade á que estaba sometido.

Unha vez restaurado o cadro e grazas ao interese do concelleiro de Cultura, Bonifacio Borreiros, foi exposto publicamente durante algún tempo nun lugar sobranceiro do Centro Cultural. Hoxe, como tantas cadros de interese, esta notable obra atópase agachada nas dependencias do deprimente Centro Cultural da rúa do Hospital. Xa que a Cidade Ensimesmada continúa a ser incapaz de crear un Museo da Cidade, deberíase colocar este cadro na igrexa de San Rosendo, o lugar para o que foi encargado.

Rematando este traballo sobre o noso Patrimonio, leo o que escribe sobre o meu traballo o 19 de xaneiro no seu twiter o concelleiro de Cultura, Educación e Universidade de Ferrol, Jesús Basterrechea: “cada vez que oio a Burgoa falar de Patrimonio danme ganas de comprar dinamita”. Quixera lembrar que aló polos anos 1930-40, adxudicóuselle ao xerarca nazi Hermann Goering a frase:cando oio falar de Cultura boto a man á miña pistola”.

Lea también

Santa Cecilia

Julia Mª Dopico Vale El día 22 de noviembre se celebra el Día de Santa …

Un comentario

  1. Antonio Sixto Garcia

    Magnifico articulo
    Sobre la parte dinamitera del concejal de «Kultura»,recomiendo al autor que ,si puede,entre en la pagina de Facebook: Compañeiros tazeiros,donde el que escribe dio respuesta a ese desafortunado,como minimo,comentario de nuestro concejal de Kultura