O Pazo da Cultura de Narón acolle o vindeiro domingo a ópera Tosca

Cartel da función – Concello de Narón

A axencia L.G. Artist Management & Concerlírica Internacional traerán a Narón a ópera Tosca, da man da Ópera Nacional de Moldavia e solistas internacionais. Así o indicou a vicepresidenta do Padroado da Cultura de Narón, Marián Ferreiro, que destacou que se trata dun espectáculo considerado “todo un referente tanto a nivel vocal como escénico”. O citado melodrama poderá verse no Pazo o vindeiro domingo, día 5, a partir das 19.00 horas e as entradas están xa á venda na billeteira do Pazo ou a través da web: www.padroadodecultura.es. O prezo é de 28 euros para o público en xeral e de 19,60 para abonados, menores de 14 anos e persoas desempregadas.

Con música do compositor italiano Giacomo Puccini e libreto de Luigi Illica e Giuseppe Giacosa, esta ópera, unha das máis afamadas da Historia –representada por primeira vez no teatro Constanzi de Roma no ano 1900– está inspirada no drama homónimo de Victorien Sardou. É unha das tres óperas máis afamadas de Puccini, xunto con Madama Butterfly e La Bohéme, e unha das cinco máis representadas a nivel mundial.

A acción, dividida en tres actos, transcorre na Roma do 1800, cando as tropas francesas venceron ás austríacas na batalla de Marengo (que tivo lugar ao noroeste de Italia) e a cidade loita por uns ideais liberais. Ao longo de dúas horas e media –con dous descansos de quince minutos- sucederase unha trama na que non faltarán o amor, a intriga, a violencia, a paixón e a morte.

Lea también

O CIRS de Cervás de Ares, énchese polo Día Mundial do Teatro

Cunha radio xigante onde se poden ler nomes de lugares de todo o mundo, dende …