A Deputación da Coruña bota a “lingua fóra” en corenta concellos

Goretti Sanmartín na rolda de prensa – Deputación da Coruña

Colexios, bibliotecas e casas da cultura de corenta concellos acollerán as propostas do programa “Coa lingua fóra”, a nova iniciativa que a área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña impulsa co obxectivo de promover o uso do galego entre a infancia e a adolescencia, as franxas de idade máis castelanizadas, segundo os últimos datos sociolingüísticos.

Contos de Xabier Docampo, Concha Blanco e Xoán Babarro, entre outros, o titulado “A mestra Tomasa lendo e viaxando polo mundo” como iniciativa de animación á lectura destinada ao público infantil e o espectáculo de clown “Non sabes quen es” para público adolescente achegarán, da man da Compañía teatral Duende Sico, novas razóns para usar a lingua galega. Despois de cada espectáculo haberá unha actividade complementaria consistente nun obradoiro e unha charla co director do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago, Manuel Núñez Singala, na que se tratarán de desmontar prexuízos lingüísticos que aínda están moi presentes na mocidade do noso país.

Co programa “Coa lingua fóra” a área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña quere favorecer a socialización en galego da rapazada e conseguir actitudes positivas cara ao galego e promover o pensamento crítico e analítico. Obxectivo do programa é tamén, por un lado, transmitir o interese pola lectura, importante non só no proceso de aprendizaxe senón tamén na aposta por un lecer divertido que contribúe a incrementar a imaxinación e a creatividade.

Na infancia e a mocidade está o futuro da nosa lingua e esa é tamén a franxa en que máis está a diminuír o seu uso co cal, desde a área de Normalización Lingüística da Deputación queremos insistir no traballo de dinamización focado nesas idades”, sinala a vicepresidenta e responsábel da área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei. Por outra banda, insistiu no perfil deste novo programa encamiñado de maneira especial en eliminar prexuízos que perduran e continúan a ser barreiras para o uso do galego entre a mocidade. “Contamos, para iso, cun especialista como Manuel Núñez Singala, que conecta de maneira moi acaída coa xente nova e contaxia entusiasmo coa lingua, algo que tanto precisamos”, engadiu Goretti Sanmartín.

Durante todo o mes de marzo e abril esta campaña de dinamización lingüística viaxará por 40 concellos da provincia: A Baña, A Coruña, Abegondo, Ames, Arteixo, Betanzos, Boimorto, Boiro, Carballo, Carnota, Cedeira, Cee, Culleredo, Dumbría, Fene, Ferrol, Fisterra, Malpica, Melide, Miño, Moeche, Muros, Narón, Neda, Noia, Oleiros, Oroso, Outes, As Pontes, Ponteceso, Porto do Son, Rianxo, Ribeira, Rois, Sada, Santa Comba, Santiago de Compostela, Teo, Vimianzo, Mancomunidade de Ordes.

Lea también

Melloras nas instalacións do CEIP A Barqueira de Cerdido

O alcalde de Cerdido, Alberto Rey, recibiu no CEIP A Barqueira ao xefe territorial de …