San Rosendo en Ferrol e a súa igrexa parroquial (II)

jjburgoa@hotmail.com– TIRANDO A DAR

San Rosendo, nacido o ano 907 como Rudesindus Guterre no seo dunha nobre familia galaica, foi bispo de Mondoñedo e fundador de varios mosteiros, entre eles o de Celanova. Nomeado polo rei Ordoño III gobernador de Galicia, loitou contra as sucesivas invasións dos mouros e dos normandos. Rematada a súa faceta guerreira foi durante catro anos arcebispo de Santiago, volvendo logo ao seu retiro de Celanova onde morreu o ano 977. Foi canonizado o século XII.

San Rosendo foi unha figura política e relixiosa de indubidable importancia na Galicia do século X, tendo unha certa relación con Ferrol e sendo promotor da construción do mosteiro de Caaveiro. Segundo escriben algunhas vellas crónicas e anais galegos, un exército ao mando de San Rosendo e o conde Gonzalo Sánchez, durante o reinado de Ramiro III, derrotou aos viquingos arredor do ano 970 nun lugar preto da ría de Ferrol, cando pretendían reembarcar de volta ás terras nórdicas.

Nomeado patrón da Diocese de Mondoñedo-Ferrol, a primeira parroquia diocesana deste nome foi precisamente San Rosendo de Canido o ano 1968.

Vidreira da igrexa de San Rosendo de Ferrol

O ano 2007 publicouse a obra de Esperanza Piñeiro e Andrés Gómez Blanco “Unha viaxe polas sendas de San Rosendo”, unha publicación que incide nesta relación de San Rosendo con Ferrol, sendo o pintor José González Collado o autor das ilustracións que acompañan ao traballo. Precisamente, segundo informou a prensa, fai poucas datas o devandito artista ferrolán entregou á Diocese de Mondoñedo setenta e seis obras da súa autoría.

Unha destas obras, de grande interese e excelente calidade, na liña do pintor ferrolán, neste intre pódese ver na sancristía da igrexa Concatedral de San Xulián e representa varias escenas da vida de San Rosendo, tratándose dunha serie de bocetos ou apuntes para un grande mural que no seu día se pensou colocar na citada igrexa de San Rosendo. Deste xeito, polo menos algunha obra de González Collado quedará na súa cidade natal.

A obra de González Collado.

Lea también

Sete anos da presentación de “Los disfraces de la traición”, de Olga Rico

José Fonte Sardiña O día 10 de marzo de 2017, presentabamos na Casa da Cultura …