A exposición fotográfica «Lectura» permanecerá no baixo da Biblioteca de Narón ata o 31 de marzo

Exposición Lectura – Concello de Narón

Un total de vinte e catro alumnas e alumnos dun obradoiro de Fotografía da Xerencia Integrada de Ferrol impartido polo fotógrafo Gabriel Tizón expoñen este mes os seus traballos, sobre a temática Lectura, na sala de exposicións da Biblioteca municipal, na planta baixa. A mostra aglutina unha gran variedade de traballos do alumnado que acudía os martes ás clases que impartía Tizón, enmarcadas nas actividades de Cultura e Deporte que se desenvolven a través da Asociación Deportiva e Cultural dos profesionais da Área sanitaria ferrolá, tal e como indicaron desde a entidade. A exposición inaugurouse o pasado sábado -día 4- pola mañá, xornada na que a visitaron, entre outros, as edís de Cultura e Bibliotecas, Marián Ferreiro e Mercedes Taibo, respectivamente e outros representantes da corporación local naronesa.

A iniciativa comezou a desenvolverse o pasado mes de maio, con motivo da conmemoración do Día das Letras Galegas, e xa se puido ver noutras ubicacións. As diversas imaxes representan diferentes estilos, e están feitas tanto en cor como en branco e negro por persoal do ámbito dos centros hospitalarios e dos centros de saúde (diferentes profesionais e servizos, tanto da administración e xestión como da clínica e de asistencia), tal e como explicaron desde a Xerencia Integrada de Ferrol.

A exposición Lectura poderá visitarse ata o vindeiro 31 de marzo, de luns a venres en horario de 17.00 a 20.00 e os sábados desde as 10.00 ata as 13.00.

Lea también

La escritora Paula Merlán inaugura el viernes en Ferrol la Feria del Libro

Ferrol inaugura el calendario de Ferias de Galicia este viernes 19 con el pregón de la …