O XVI Maratón de lectura «Fene lendo mulleres» abre os actos do 8 de marzo

Instante do maratón de lectura – Concello de Fene

Durante toda esta mañá desenvólvese na biblioteca municipal o maratón de lectura a través do que o alumnado de Fene lle pon voz a textos sobre a igualdade entre homes e mulleres. Textos traballados na aula que reivindican iso mesmo, igualdade. Igualdade de salarios, de responsabilidade no día a día do fogar, igualdade no trato por parte dunha sociedade aínda patriarcal –malia os pasos dados para cambiala– e, ao tempo, textos que reivindican a erradicación de todas as violencias visibles e ocultas contra da muller. O maratón de lectura abre os actos co gallo do día 8 de marzo, que se completan co Paro Internacional de Mulleres ao que se sumarán as traballadoras municipais este mediodía e coa mesa redonda sobre os estereotipos de xénero no deporte que se desenvolve na casa da cultura ás 19.00h.

O maratón de lectura iniciouse a iso das 9.00h. coa lectura por parte da concelleira de Benestar Social, Mª Carmen García, do manifesto deste ano, escrito por Puri Hermida Arosa, presidenta do club de fútbol Cultural Maniños. Un texto breve pero intenso que recoñece o exemplo que, antes ca ela, deron moitas mulleres para superar os atrancos do patriarcado, ademais de insistir en que o esforzo, a paixón e o sacrificio son os únicos argumentos válidos para ocupar postos de responsabilidade, non as razóns de xénero.

«Chámome Puri e son a presidenta dun club de fútbol. Son unha muller a quen lle apaixona o deporte e o fútbol en especial. Quero lembrar a todas as mulleres que loitaron durante moitos anos e que hoxe en día aínda seguen loitando para que isto sexa posible. Quero lembrar que o que nos capacita para ocupar un posto non é o sexo que eu teña senón o esforzo, o sacrificio, a paixón e a entrega que poña niso. Quero dedicar a todas as persoas que nos ven
como simples mulleres estas poucas verbas:

A túa pel e a miña pel igual han de crecer
O teu corazón e o meu latexado han de ter
Homes, mulleres igual habemos de ser
A loita e a constancia faránnos libres
E co paso dos anos trataránnos igual
A miña pel e a túa pel igual han de crecer
Todas as persoas somos iguais
Todos e todas libres habemos de ser
Mulleres e homes
Homes e mulleres
Ao final todos e todas somos un ser«

Puri Hermida será unha das protagonistas da mesa de debate que terá lugar a partir das 19.00h. no salón de actos da Casa da Cultura ao redor dos estereotipos de xénero no deporte. Canda ela tamén sentarán arredor da mesa a árbitra Raquel Ortega, a xogadora da Cultural Maniños Carolina Castro, as capitanas do Perlío Almudena Fernández e Leticia Rey, a atleta Paula Mayobre, a campioa de España de copilotaxe de rallys femininos Fátima Ameneiro, a ex-xogadora de rugby Esther Ruíz e unha xogadora do Star Center Uni Ferrol de baloncesto.

O encontro busca expor as súas experiencias «para analizar o mundo no que se moven, as dificultades que atopan, as barreiras, as discriminacións por razón de xénero, o tratamento dos medios de comunicación e o comportamento do público«.

Por outra banda tamén se busca fomentar o debate ao respecto da participación da muller na actividade física e no deporte, que aínda hoxe é menor que a dos homes. Un feito que «non é casual nin illado» xa que a participación feminina «é menor nos ámbitos que tradicionalmente se consideran públicos, como o laboral, o político, o cultural… e o deportivo«, tal e como indican desde a área de Benestar Social.

Paro Internacional de Mulleres

Alén dos actos programados co gallo do 8 de marzo, as traballadoras do Concello de Fene tamén se sumaron hoxe de 12 a 12.30h. ao Paro Internacional de Mulleres. Trátase dun movemento mundial co que se reclaman compromisos firmes dos gobernos para que se adopten medidas que resolvan dunha vez por todas as desigualdades existentes e para que se lle apliquen penas maiores aos casos de violencia.

Lea también

Seleccionados os catro proxectos para as Residencias Artísticas Mariñán de Literatura e Pensamento

Francisco Rodríguez Casal, Esperanza Mariño Davila, Laura Martínez Mateo e Carmen Marina Vidal Valiña son …