O Concello de Narón inicia o proceso de renumeración de vivendas na parroquia do Val

Instante da reunión – Concello de Narón

A concelleira de Estatística, Mar Gómez, e persoal funcionario da administración local reuníronse con representantes da Asociación de Veciños “Os Irmandiños” do Val no Concello para iniciar o proceso de renumeración previsto na parroquia. A iniciativa, que xa se desenvolveu nas parroquias de San Xiao e San Mateo, permitirá concretar o nome de todos os rueiros e renumerar as vivendas. O traballo está rematado no que respecta á súa primeira fase, e unha persoa debidamente identificada está visitando estes días as vivendas da zona para entregarlles os novos números das súas propiedades. Deste xeito, tal e como apuntou Gómez, “procederase a restablecer tanto a cartografía como a numeración de boa parte da parroquia, aínda que debido á súa extensión é preciso executar os traballos en varias fases, que se irán levando a cabo progresivamente, a medida que se vaian rematando”.

A concelleira naronesa agradeceu publicamente a colaboración da Asociación de Veciños “Os Irmandiños” do Val en particular e á veciñanza da parroquia en xeral, “que nos axudou a recuperar boa parte dos topónimos da zona na que se estivo a traballar nesta primeira fase e, en todo momento, cun gran consenso que nos permitiu avanzar nestas tarefas, moi necesarias na zona rural e nas que continuaremos traballando”.

Lea también

Aberta a inscrición na primeira andaina deste ano en Narón do programa “Ponte en ruta con nós”

O Concello  de Narón mantén aberto, ata mañá  mércores 24 o prazo de inscrición na …