Narón celebra o Día Mundial da Auga na xornada deste sábado en Odeón

O concelleiro de Servizos de Narón, Ibán Santalla, e a xerente do Centro Comercial  Odeón, Cristina Imaz, presentaron na mañá deste xoves en rolda de prensa os actos programados para celebrar o Día Mundial da Auga, que se conmemora cada 22 de marzo.

A cita, que consistirá nun circuíto no que poder levar a cabo diferentes experimentos científicos, tera lugar o vindeiro sábado, día 18, en Odeón, entre as 18.00 e as 20.00 horas, e diríxese a persoas de tódalas idades. Imaz agradeceu esta nova colaboración co Concello para conmemorar, nesta ocasión, o Día Mundial da Auga, unha liña tamén valorada polo edil de Servizos naronés. O entretemento e a diversión estarán moi presentes neste circuíto a nivel de concienciación cidadá sobre a necesidade de preservar este recurso natural.

O grupo Ciencia Divertida será o encargado de implicar aos asistentes nas actividades programadas na Praza de Eventos de Odeón, na planta baixa. Unha das probas previstas denomínase “¿Soluble… ou non soluble?” e porá aos asistentes no dilema de realizar determinadas misturas e transformar elementos líquidos en sólidos. A actividade servirá para explicar este tipo de conceptos e as diferencias, por exemplo, entre unha mistura simple e unha reacción química. Así mesmo, tal e como explicaron desde a organización, outro dos experimentos previstos apoiarase no famoso xerador de Van de Graaf, que permitirá ensinar determinadas cuestións sobre a electricidade estática e experimentar en primeira persoa como se propaga polo corpo das persoas, composto prácticamente nun 70% de auga. Estas e outras actividades desenvolveranse a través dun circuíto que estará perfectamente delimitado no citado espazo de Odeón.

A xerente das instalacións, Cristina Imaz, destacou que “a preocupación polo medio ambiente e a sostibilidade é unha constante nos nosos centros comerciais”, aludindo a aspectos como o tratamento de residuos ou o consumo enerxético. Imaz fixo especial fincapé en que “co tema da auga sempre tivemos unha sensibilidade especial, apostando polo máximo aforro e o consumo racional con diversas medidas nas que implicamos aos visitantes”.

Pola súa parte, o edil de Servizos, Ibán Santalla, recordou que desde o Concello “impulsáronse nos últimos anos numerosas iniciativas encamiñadas a concienciar á poboación, adultos e menores, sobre a importancia do respecto e o consumo responsable da auga, un prezado ben natural”. Así mesmo, Santalla, avanzou que “desde o goberno local de Narón “continuaremos apostando por respaldar este tipo de iniciativas, cun marcado carácter medioambiental”.

Baixo o hashstag: #NARÓN♥H2O poderase unificar a información desta proposta e, ao tempo, darlle unha maior difusión entre a cidadanía, polo que desde a organización animan á veciñanza a empregalo a través das redes sociais: Facebook, Twitter e Instagram. Os nenos e nenas que participen recibirán como agasallo unha camiseta do Concello de Narón conmemorativa deste evento.

Lea también

Incendio intencionado en un ático de unas viviendas sin habitar, en Narón

Sobre las siete de la tarde de este jueves se declaró un virulento incendio en …