O BNG de Narón reclama a Fomento os investimentos para promocionar o servizo ferroviario de ancho métrico

O portavoz do grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego de Narón, Pablo Villamar, presentou esta mañá unha moción para o seu debate no pleno ordinario de marzo na que demanda ao Ministerio de Fomento os investimentos precisos para manter e promocionar o servizo ferroviario de ancho métrico.

Após as situacións esperpénticas que se viviron ao longo da última semana, con cancelacións de servizo varias, e da paralización dun investimento de 12,5 millóns de euros este ano para o mantemento na vía e nas estacións da liña de ancho métrico, RENFE-FEVE, o BNG de Narón quere acadar o apoio da corporación para reclamar do Ministerio de Fomento unha actuación decidida a prol do tren, un medio de transporte que na comarca arrastra serios problemas estruturais aos que cómpre porlles solución.

Para o BNG, o feito de vincular as axudas de mantemento cos niveis de ocupación e rendibilidade é “unha fraude total”, xa que a supresión de revisores impide avaliar correctamente a ocupación dos diferentes servizos. Non hai que esquecer que no ano 2016 suprimíronse perto de 600 servizos, que os retrasos foron continuados e que os problemas derivados das vías e as infraestruturas –tamén a maquinaria– en mal estado son unha constante. Por non falar dunha cuestionábel política comercial, coa programación de horarios e servizos que non corresponden coas necesidades das persoas usuarias. Dende o BNG xa coñecen a estratexia: precarizar o servizo para xustificar logo o seu desmantelamento. No que atinxe ao transporte de mercadorías, a situación non é moito mellor.

Para o BNG, o ferrocarril non é só un medio de transporte máis respectuoso co medio ambiente, senón que pode constituír un elemento vertebrador do territorio e un atractivo para as zonas rurais.

Por iso os nacionalistas reclaman a Fomento os investimentos precisos para garantir o servizo de ancho métrico nas mellores condicións posíbeis e da Xunta que solicite ao Goberno do Estado a transferencia do devandito servizo para poder levar a cabo a súa promoción, coordinación e integración na rede galega de transporte ferroviario de proximidade.

Lea también

Unha unidade móbil ADOS estará operativa o venres 26 en Narón, no barrio de Xuvia

Unha das unidades móbiles da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) estará este …