Entra en vigor o orzamento municipal de San Sadurniño

O orzamento municipal de San Sadurniño para o exercicio de 2017 xa entrou en vigor tras superar sen alegacións o período preceptivo de exposición pública. As contas do Concello móvense en cifras semellantes ás do ano pasado no apartado de ingresos -2.735.000€- e descenden un 2,98% na clasificación dos gastos, que queda fixada en 2.695.000€. A entrada en vigor do orzamento supón que o Concello pode convocar de inmediato as liñas de axuda para entidades culturais e deportivas do territorio, abrir o período de solicitude das bolsas de estudo para ensino obrigatorio e postobrigatoiro, publicar as axudas para familias con nenos e nenas na Escola Infantil Municipal A Rolada e suscribir os convenios previstos con clubs e asociacións. Este ano destínanse a estes apartados un total de 91.200 euros.

Os orzamentos municipais son o resume das previsións de ingresos e gastos durante o exercicio anual. Entran en xogo moitas variables: o custe dos salarios do persoal, as variacións dos prezos dos combustibles e da electricidade, as transferencias que veñen doutras administracións, os prezos finais que terán as obras, as previsións de ingresos en concepto de taxas e impostos municipais… Hai que ter en conta todos estes aspectos -e moitos máis- para deseñar unhas contas que respondan ás necesidades de todo o territorio e que, ademais, manteñan o equilibrio entre o que se ingresa e o que se ten previsto gastar.

As contas do ano 2017 quedaron en 2.735.000 euros na previsión de ingresos e a 2.695.000 € nas previsións de gastos, unhas cifras que baixan o 1,54% no tocante a ingresos e o 2,98% no referido a gastos con respecto ao ano pasado. O orzamento saiu adiante cos votos favorables do BNG no pleno celebrado o pasado 16 de febreiro -PP en contra e PSOE abstívose- quen defendeu a proposta como “a mellor das posibles” para o territorio, argumentando que se chega a un investimento de 910€ por habitante e que o 75% do gasto corrente municipal irá parar, entre outros apartados, a servizos sociais e a colaborar coas entidades do municipio.

Segundo a introdución do documento, o orzamento busca a prestación de servizos públicos fundamentais a través de seis liñas estratéxicas: o fortalecemento das políticas sociais en materia de igualdade, benestar e servizos á dependencia; o investimento na conservación e mellora da rede viaria, ao que este ano se incorporará un servizo permanente de rebacheos; o reforzo das políticas de desenvolvemento local e promoción económica e o impulso de programas de formación e emprego, o mantemento da oferta de actividade cultural e deportiva, o apoio ás entidades do municipio e, por último, a continuación das actuacións en materia de aforro e optimización do consumo enerxético.

O apartado de gastos divídese porcentualmente da seguinte maneira. Un 41,94% destínase a persoal (baixa un 5% con respecto ao ano pasado). Son 1.130.275€ dos que arredor de 350.000 se corresponden coa área de servizos sociais e atención no fogar. De feito, todo o apartado de atención social supón arredor de 600.000 euros, o 22% do orzamento municipal.

Outro 31% (835.000 euros) resérvase para gasto corrente e o 23,30% -628.000 euros- irán para investimentos en obras, principalmente para a conservación de vías e para a execución de infraestruturas novas tanto na rede de estradas municipal como en equipamentos. Cómpre ter en conta que este apartado seguramente se incremente ao longo do exercicio coa dotación de máis fondos procedentes do POS+ provincial e con programas doutras administracións.

As actuacións definidas e proxectadas no momento de aprobar o orzamento foron o aglomerado e a formación de beirarrúas no Camiño do Enxerto -125.712 euros-; a pavimentación dos camiños da Fraga á AC 861, o Cancelo-Vilaverde-Brame e outros, cun orzamento global de -110.478,42-; a pavimentación dos camiños da Veiga, As Calvelas, a Rega e outras pequenas obras -58.449,85€-; a reparación do Xestal-Filgueiras, Lourido, Riolimpo-Vilarbó e outros camiños -51.282,26€-; a contratación dun servizo para facer rebacheos urxentes durante o ano, estimado en 30.000 euros; o desenvolvemento do Fondo de Compensación Ambiental -40.000€- e, por último, a reserva doutros 80.102,47€ para outros investimentos en obras.

Axudas para entidades e bolsas de estudo

O resto dos importes do apartado de gastos son as transferencias correntes, fixadas en 99.200 euros, un 5,53% máis que en 2016. Aquí englóbanse as axudas ao tecido asociativo e deportivo do municipio -66.200 euros para subvencións e convenios nominativos- e as dirixidas a bolsas escolares e servizos de conciliación.

Para becas e axudas ás familias con nenos e nenas da escola infantil municipal hai reservada unha partida de 25.000 euros: 10.000 para estudos post obrigatorios, 5.000 para os obrigatorios, 8.000 para distribuír entre as familias da EIM con nenos e nenas matriculadas no curso 2016/17 e 2.000 para atender situacións especiais que poidan xurdir durante o ano en materia educativa.

Os outros 8.000 euros que completan o apartado cadran cos 2.000 euros da achega municipal á entidade Seitura 22 que xestiona os fondos Leader na comarca e cos 6.000 reservados para casos de emerxencia social.

A entrada en vigor do orzamento municipal significa que nuns días se publicarán as convocatorias de axudas para entidades culturais e deportivas, as bolsas de estudo e as axudas da EIM. De feito, desde a alcaldía xa se lle trasladou aos servizos administrativos a orde de que se envíen todas as bases ao Boletín Oficial da Provincia. Tan pronto vaian saíndo no xornal oficial irase dando conta das contías e dos procedementos e dos requisitos a través das redes sociais e da web.

Lea también

Reactivada la Junta Local de Seguridad en Valdoviño

El subdelegado del Gobierno en A Coruña, Jorge Atán, y el alcalde de Valdoviño, Alberto …