Fene súmase este sábado á Hora do Planeta

A Hora do Planeta é unha campaña de WWF que comezou hai unha década en Australia como xesto simbólico na loita contra o cambio climático. Durante unha hora edificios públicos, empresas e fogares apagan as luces para expresar este compromiso. Porén, a Hora do Planeta tamén pretende concienciar a sociedade sobre a necesidade de adoptar medidas fronte aos danos provocados pola actividade humana no ambiente, así como reducir as emisións contaminantes, aforrar enerxía e rebaixar a contaminación lumínica. Fene unirase a esta convocatoria apagando o sábado o alumeado da Casa da Cultura-Museo do Humor entre as 20.30 e as 21.30h.

A Hora do Planeta está aberta á participación de todos e todas de múltiples maneiras. A primeira é apagando as luces e desconectando aparellos eléctricos durante unha hora, que cadra sempre e en todo o mundo nun dos últimos sábados do mes de marzo e, nesta ocasión, o 25 entre as 20.30 e as 21.30h. Canda esta proposta principal tamén hai a posibilidade de suscribir en liña os compromisos da organización conservacionista Fondo Mundial para a Natureza (WWF), compartir a campaña a través das redes sociais e, se cadra o mellor, mudar hábitos para reducir o noso efecto no planeta.

Trátase dun evento mundial co que se busca botar un berro global na defensa da Terra. Trátase dunha iniciativa lúdica e de sensibilización que non persegue medir aforros enerxéticos nin calcular canta polución se deixou de botar á atmosfera durante esa hora.

O que arrancou en 2007 como unha campaña publicitaria acabou por converterse nun dos maiores movementos voluntarios do mundo. O ano pasado superáronse as 10.000 cidades e vilas participantes de 178 países. Para a convocatoria deste sábado o lema elixido é “O Planeta primeiro. Que ninguén te pare” e pon de manifesto a necesidade de facer efectivo o Acordo de París –en vigor desde novembro de 2016– como paso fundamental para frear o cambio climático. A organización lembra, ademais, que 2016 foi o ano máis cálido rexistrado desde 1880 e que cada ano deste século bate a marca do anterior.

Fene unirase á Hora do Planeta apagando o alumeado da Casa da Cultura-Museo do Humor. Desde a Concellaría de Medio Ambiente convídase a toda a veciñanza a facer o mesmo este sábado entre as 20.30 e as 21.30h. O Concello tamén enviou a carta de adhesión á iniciativa, tal e como fixeron ata hoxe outros 12 municipios galegos: A Coruña, Carballo, Mugardos, Oleiros, Porto do Son, San Sadurniño, Santiago, Becerreá, Lugo, Monforte de Lemos, Ourense e Tui.

Lea también

Efectivos del GES de Ortigueira localizaron a una mujer que estaba desaparecida

Efectivos del Grupo de Emerxencias Supramunicipal-GES de Ortigueira lograron localizar a una vecina de esta …