O Parque de Educación Viaria de Fene fai dez anos

Nenos e nenas no Parque de Educación Viaria – Concello de Fene

O 25 de marzo de 2007 inaugurouse oficialmente o Parque de Educación Viaria. Un recurso educativo que naceu para darlle resposta á demanda dunha formación transversal en materia de seguridade do tráfico coa que traballar desde a infancia na prevención de accidentes. Dez anos despois o parque segue sendo o principal referente neste ámbito para os centros de ensino da comarca e mesmo do resto da provincia. De feito, desde 2007 levan participado nas súas actividades máis de 12.000 persoas, na súa maioría nenos e nenas de entre 3 e 12 anos, aínda que tamén persoas doutras idades que asistiron a sesións específicas impartidas nas instalacións.

O Parque de Educación Viaria de Fene está situado no edificio principal e na contorna inmediata do antigo apeadoiro de RENFE en Barallobre. Trátase dunha parcela pechada de 2000 m2 dotada de dependencias para formación e dun circuíto homologado de 800 metros no que se poden simular a escala a práctica totalidade de situacións e elementos que se atopan na circulación: estradas de dous carrís, pasos peonís, rotondas, prazas de aparcadoiro, beirarrúas, sinais horizontais e verticais, etc.

Canda á infraestrutura o parque tamén conta cun proxecto pedagóxico e equipamento específico: karts de pedais e eléctricos, bicicletas, triciclos, patíns, chalecos, cascos e todo o necesario para que a rapazada poida conducir igual que a xente maior e por en práctica as normas básicas que rexen tanto a seguridade do tráfico rodado como a do peonil.

As sesións adoitan durar arredor de duas horas. Nunha primeira parte ofréceselles aos nenos e nenas unha clase teórica apoiada con materiais audiovisuais e didácticos adaptados a cada idade. Despois pasan ás prácticas en quendas que lles permitan a todos e todas meterse no papel de viandantes e de persoas que guían coches ou calquera vehículo de dúas rodas.

O Parque de Educación Viaria naceu para dar resposta formativa á demanda dunha disciplina transversal nos centros escolares «como mellor maneira de combater as mortes e lesións irreversibles por causa dos accidentes de tráfico«, tal e como indican desde a área de Ensino. Un obxectivo sobre o que se traballa tendo en conta que os nenos e nenas son tamén unha parte da circulación –nas beirarrúas, nas bicis, nos patíns, etc.– e que serán condutores e condutoras de coches e motos no futuro, ademais de axentes imprescindibles para concienciar ás persoas adultas.

O parque inaugurouse o domingo 25 de marzo de 2007 tras cinco anos de maduración da idea, de trámites e, finalmente, de obras. Foron necesarios 240.000 euros de investimento achegados polo Concello e pola Deputación da Coruña. Ao acto inaugural –que foi seguido dunha semana de portas abertas- asistiron representantes dos centros de ensino, veciñanza, o pintor Eduardo Hermida, o xefe provincial de Tráfico e membros das corporacións municipal e provincial, encabezados polo daquela alcalde, Xosé María Rivera Arnoso, e por Xaime Bello, vicepresidente da Deputación da Coruña.

Desde 2007 levan pasado polas instalacións máis de 12.000 persoas. Maiormente foron nenos e nenas, pero tamén mocidade e xente adulta, xa que o centro acolleu diversos cursos durante este tempo: un de teoría sobre o uso do ciclomotor, outro de educación viaria para a terceira idade, varias xornadas sobre o uso de chalecos reflectantes ou o acto provincial co gallo da III Semana Mundial da Seguridade viaria celebrado en maio de 2015.

As reservas do Parque de Educación Viaria deben solicitarse a través do rexistro xeral do Concello ou da Sede Electrónica presentando cuberta a correspondente ficha. Os centros de ensino de Fene e da comarca adoitan reservar datas ao comezo do curso, por iso é importante contactar antes co departamento de Cultura –981 340 366– para ver a dispoñibilidade das instalacións.

Os grupos poden ter, como máximo, 25 participantes. Porén, se algún colexio quere vir con máis clases tampouco habería problema. Existe a posibilidade de completar a reserva cunha visita ao Museo do Humor, de maneira que mentres un grupo se encontra no parque o outro estaría participando en actividades no museo.

Lea también

La Mancomunidad de Concellos celebró en Valdoviño una jornada técnica de turismo

Valdoviño acogió esta semana una charla técnica organizada por la Mancomunidad para dar a conocer …