A Casa da Cultura de San Sadurniño encheuse para reivindicar a igualdade real entre mulleres e homes

Quenindiole durante o acto – Concello de San Sadurniño

O sábado foi o día elixido polo Concello de San Sadurniño para celebrar o acto central co gallo do Día Internacional da Muller, que en San Sadurniño sempre se saca da data –o 8 de marzo– para darlle maior relevancia e para reivindicar que días da muller deben ser todos os do ano. O evento organizado pola área de Igualdade logrou xuntar arredor de 150 persoas, que gozaron de cine, maxia e música seguindo o fío condutor da muller como cerna ou estrutura que sustentou –e sustenta– a sociedade ao longo da historia.

O acto abriu coa intervención da responsable política da área de Igualdade, Ana B. Gundín, quen explicou que a idea deste eixo temático veu dada desde o CPI «a raíz de que eles ían traballar a cuestión das mulleres na historia«. Unha idea que, porén, o Concello optou por reforzar dándolle entrada «ás nosas propias historias«, tal e como dixo a concelleira.

De aí que o evento arrancase con audiovisual –grande protagonista da tarde– proxectando a peza «Ocultas na paisaxe«, realizada pola pontesa Sabela Pernas durante o último encontro audiovisual Chanfaina Lab. Unha curta aparentemente sinxela que converte as texturas da pel feminina marcada polo paso do tempo nunha auténtica paisaxe de ríos, vales e montañas labrada pola vida, o sufrimento, as alegrías. Tal e como suxeriu a propia Pernas –que interviu no acto enviando unha mensaxe gravada na compaña doutras tres mulleres que lle axudaron coa curta– o que buscou foi reflexionar e homenaxear «un tipo de muller que coñezo moi ben e que permanece oculta na paisaxe«. Unha muller que é elemento fundamental dunha estrutura maior –quer o mundo, quer a propia sociedade– que sen ela non funcionaría.

A seguinte parada do evento volveu ocuparse do audiovisual feito por mulleres presentando o proxecto en youtube «Teño unha horta en San Sadurniño«, coñecido mundialmente tralo rebumbio mediático dos últimos días por causa do vídeo «Marihuana na horta«. Verónica Rodríguez, técnica municipal de Igualdade, presentou ás cinco mulleres participantes nesta iniciativa guiada por Carmen Nieto «nun fantástico proxecto que pon en valor a tradición e o traballo que fan as mulleres, sobre todo no rural«.

Ao escenario subiron Lucía Pita, Carmen Couce, Carmen Bouza (Maruxa da Laxe) e Consuelo Picos (Maruja da Curuxa). Só faltou Cruz Piñón, ausente por enfermidade. Todas elas explicaron o que para elas significou e está significando este proxecto de inclusión dixital que ultimamente saltou á fama co episodio da «marihuana» que, en realidade, era un cánabo ventureiro nacido dunha semente de alpiste. Un vídeo que se puido ver tamén na Casa da Cultura xunto con outras pezas de Teño unha horta…, como a que mostra a plantación de coles de Lucita, a sementeira de xenxibre feita por Carmen Couce (Carme dos Pantís), a colleita de trigo sarraceno de Cruz ou o proceso de construción dun espantallo descrito por Consuelo.

Os vídeos déronlle paso á maxia de Fani Triana. Unha prestidixitadora que enlazou trucos con mensaxes sobre a igualdade e que deixou abraiado ao público. O propio espectáculo foi en si unha mensaxe a prol da igualdade. E é que habitualmente cando se fala de maxia vén á cabeza un mago con chisteira e unha axudante –feminina– que lle move os tarecos a medida que lle van facendo falta. Neste caso non, a maxia fíxoa unha muller e quen lle axudaba co traballo menos espectacular e menos agradecido era un home –o tamén mago Martín Camiña– deixando claro tamén coa escenografía o lugar que a muller debe ocupar na sociedade.

Trala maxia volveu o audiovisual coa proxección de “Mulleres que fixeron historia”. Un vídeo realizado por Verónica Rodríguez que se fai eco do traballo de investigación do alumnado da ESO do CPI para producir a exposición sobre o papel desempeñado por distintas mulleres ao longo da historia. A mostra visibiliza mulleres fundamentais para a evolución da ciencia, a política ou as artes que, malia todo, aínda permanecen ocultas polo patriarcado sociocultural que tradicionalmente escribiu a historia. A exposición estivo no centro de ensino e agora pode visitarse na Casa da Cultura.

O acto central co gallo do Día Internacional da Muller pechou coa música do grupo infantil Quenindiole. Son nove nenos e nenas con idades que non pasan dos 12 anos. Tocan música tradicional e exhiben no escenario unha naturalidade só comparable á calidade coa que cantan e tocan. Neste colofón da tarde o grupo Quenindiole estivo acompañado en varias pezas pola Rapazada do Saíme, o grupo vocal formado por oito nenas e un neno das escolas municipais de canto e pandeireta.

Lea también

Ares acada o epicentro de Atenas no marco do proxecto europeo ‘Sporural’

A concelleira de Deportes de Ares, Alma Barrón, e membros do equipo técnico deportivo e …