As “mulleres” da rapazada de Centieiras acompañan desde esta semana ás meigas de Carme Romero

Instante da visita – Concello de Fene

O alumnado de educación infantil do CEIP Centieiras visitou hai tan só uns días a mostra “Meigas, sabias e mulleres boas”, da ceramista local Carme Romero. Ademais de admirar as pezas expostas e descubrir a verdadeira historia destes persoeiros, os nenos e nenas tamén levaron da Casa da Cultura a encarga de faceren as súas propias obras. O resultado xa está listo e desde este luns as pequenas figuras feitas en pasta polas criaturas poden verse no recibidor do centro cultural, onde acompañarán a obra de Romero ata o día 7 de abril.

Meigas, sabias e mulleres boas” é unha mostra de cerámica policromada coas que a autora, Carme Romero, lle rende tributo a estes persoeiros femininos da tradición galega que pouco ou nada teñen que ver coas bruxas das películas e dos debuxos animados. De feito, a ceramista busca reforzar e recuperar a memoria colectiva ao respecto destes persoeiros, ameazados hoxe pola iconografía comercial do Halloween. “Estas son as meigas galegas e tiñan un papel importante de axuda na sociedade”,aseguráballe Romero hai algún tempo ao xornal.

A exposición abriu o 7 de marzo e uns días despois recibiu a visita duns 60 nenos e nenas dos primeiros cursos do CEIP Centieiras. Rapazada moi noviña á que Carme Romero lle explicou as diferenzas entre as meigas galegas e as bruxas da tele, ademais de falarlles sobre o proceso creativo das figuras.

Consellos valiosos que os nenos e nenas tiveron que poñer en práctica coa axuda das súas mestras e mestres co obxectivo de reproduciren algunha das pezas de Romero ou de elaborar a súa propia interpretación da figura feminina aproximándose o máis posible ao estilo da artista.

E abofé que cumpriron. Desde este luns o recibidor da Casa da Cultura –antesala da exposición das meigas de Romero– ofrece un rico mostrario de arte infantil con pequenas cabezas modeladas e pintadas de cores ben rechamantes. Á inauguración da exposición miúda -denominada «As nosas mulleres»– asistiron os nenos e nenas na compaña do profesorado e de varios pais e nais. Nela tamén estiveron Carme Romero, o edil de Cultura, Justo Rodríguez, e o alcalde, Juventino Trigo.

As dúas mostras convivirán na sala de exposicións temporais da Casa da Cultura ata o 7 de abril, logo de que a área de Cultura decidise ampliar uns días a exposición de Carme Romero. Os horarios de visita: de 10 a 13 e de 16 a 21.00h. de luns a venres e os sábados de 10 a 13.00h.

Tralas “Meigas, sabias e mulleres boas” chegará ao recinto expositivo a mostra fotográfica “Hábitats”, de Carlos López García Calrús, que estará aberta desde o 10 de abril até o 12 de maio.

Lea también

Agenda cultural en As Pontes para conmemorar los diez años de la creación del lago

El Ayuntamiento de As Pontes programa para el mes de agosto «O mar de lecer» una …