A atención sanitaria en Ares ofrecerase no local provisional a partir do luns 3

A asistencia sanitaria para a poboación adscrita ó centro de saúde de Ares ofrecerase, a partir do vindeiro luns 3 de abril, no novo centro provisional cedido polo Concello, na Praza da Constitución. Ademais, a educación maternal emprazarase no segundo andar da Casa da Xuventude, na mesma Praza da Constitución. No centro provisional, a asistencia prestarase de xeito que, no andar baixo, estará a citación e as atencións urxentes; no primeiro andar, dúas consultas de medicina e dúas de enfermaría; e, no terceiro andar, unha consulta de medicina, unha de pediatría dúas de enfermaría e unha de matrona.

Lembrar que a asistencia sanitaria realizarase nestes espazos de xeito provisional mentres se pon a disposición da poboación un novo centro de saúde, que se construirá na mesma parcela do actual. O inicio da obra está previsto para ese mesmo luns 3 de abril. No pasado mes de febreiro, a Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), adxudicaba o contrato para a execución do novo centro de saúde en Ares, por un importe de 1,7 millóns de euros.

O centro de saúde de Ares ofrece a atención a un total de 4.814 tarxetas sanitarias, das que 560 son menores de 15 anos. Neste centro, traballan un total de tres especialistas en Medicina Familiar e Comunitaria, unha pediatra, unha matrona, catro profesionais de Enfermaría, e dous administrativos. Na súa carteira de servizos ofrécese atención ó adolescente, ó adulto, ó ancián, ó paciente crónico; e asistencia domiciliaria, pediátrica, da muller e do neno san.

Conta tamén con cirurxía menor, descentralización do Tratamento de Anticoagulación Oral, con doppler vascular, con tonómetro, con petición electrónica do laboratorio, e con consulta telefónica. As unidades de apoio de Odontoloxía, Farmacia, traballadora social e retinografías ofrécense no centro de saúde de Fene; ó igual que o Punto de Atención Continuada. O pasado ano 2016, realizáronse neste centro un total de 28.020 consultas de medicina xeral, 19.768 actos de enfermaría, 1.150 de matrona, e 3.680 de pediatría.

Novo centro de saúde

O contrato para o novo centro de saúde foi adxudicado á empresa Construcciones Ángel Jove S.A.U., cun orzamento de 1.706.747,45 €. Os traballos iniciaranse en canto se realice o replanteo das obras, e contarán cun prazo de 15 meses, polo que o centro de saúde estará rematado no verán de 2018. As obras executaranse segundo o proxecto básico aprobado polo Servizo Galego de Saúde, e que ten por obxecto a reforma e ampliación do centro de saúde municipal, infraestrutura prioritaria para a poboación de Ares.

O novo edificio construirase na parcela na que se sitúa o actual centro de saúde, no casco urbano da vila, e noutra traseira a esta (de case 600 m2) que foi cedida polo goberno local á Xunta para poder levar a cabo as obras.

A actuación pretende a ampliación e a modernización do actual centro de saúde, que duplicará o seu espazo e aumentará os seus servizos. O proxecto básico contempla andar baixo e primeiro piso, ademais dun soto, co que non conta o existente e que albergará as instalacións do edificio (calefacción, cadros eléctricos, grupo electróxeno, ventilación, etc…). A superficie total construída entre os tres andares será de 1.354 metros cadrados, dos cales 1.174 serán útiles.

No andar baixo, executaranse seis consultas, unha delas de pediatría, coas súas salas de espera, sala de historias clínicas, habitación de toma de mostras ou analíticas, e despachos, entre outras instalacións xerais. Pola súa banda, no primeiro andar habilitaranse tres consultas e dúas salas de enfermería, sala de educación da saúde, ademais doutras estancias coma despachos para xestión e coordinación, almacén ou consulta para matrona.

A construción deste novo centro de saúde, aproveitando a parcela cedida polo Concello, permitirá tanto ós profesionais como ós pacientes e usuarios dispor dunha infraestrutura moderna e adaptada ás súas necesidades, e que dará mellor resposta ás necesidades de saúde, presentes e futuras, das veciñas e veciños deste concello.

Lea también

Decomisados en Mugardos 167 kilos de vieira y los utensilios empleados para extraerlos ilegalmente

La Patrulla de Protección de la Naturaleza (Paprona) de la Guardia Civil en colaboración con …