Últimas prazas para as rutas do Geolodía 2017

Francisco Canosa en Geolodía – Concello de San Sadurniño

O Concello de San Sadurniño lembra que aínda está aberto o prazo de inscrición para o Geolodía 2017, no que se percorrerán enclaves de interese xeolóxico situados en San Sadurniño, Neda e A Capela. As prazas para os días 6 e 7 de maio xa están cubertas -só hai posibilidade de inscribirse na lista de agarda– pero aínda quedan vacantes para a xornada do 13 de maio. Hai que apuntarse a través desta ligazón.

O Geolodía é unha iniciativa que se desenvolve en todo o Estado coa que se pretende promover o coñecemento da xeoloxía e da profesión asociada a esta disciplina. Son excursións por zonas especialmente interesantes en canto a rochas e formacións minerais.

O xeólogo Francisco Canosa e varias persoas voluntarias da Asociación de Amigos do Parque Xeolóxico do Cabo Ortegal encargaranse de organizar esta cita na nosa zona, que aquí se repartirá en tres veces -o 6, o 7 e tamén o 13 de maio- cunha ruta polos concellos de San Sadurniño, Neda e A Capela.

Os tres días farase o mesmo percorrido para admirar algúns dos puntos máis interesantes da contorna desde o punto de vista paisaxístico e xeolóxico. Visitaranse enclaves dos concellos de San Sadurniño, Neda e A Capela que, en certa medida, teñen como eixo principal a área do Forgoselo “onde o granito e a auga son protagonistas”, tal e como explica Francisco Canosa.

O itinerario comezará pola mañá e durará até o serán. Tempo no que as persoas participantes se achegarán á central do Eume e á zona de Teixido na Capela, á Fervenza do Belelle e as Penas Louseiras -en Neda- e á zona do Castelo de Naraío e do alto de Racamonde, en San Sadurniño, onde se fará a ruta das Pías, encadrada nas propostas divulgativas deseñadas por Canosa para o proxecto do xeoparque do Cabo Ortegal.

É unha actividade gratuíta que se fará viaxando en bus para cambiar de lugar e despois a pé para visitar cada sitio, percorrendo sendeiros e camiños de dificultade baixa. Estímase que ao longo do día non se camiñen máis de tres quilómetros en total, o que fai do Geolodía 2017 unha proposta lúdica e divulgativa axeitada para calquera idade.

Lea también

Ares acada o epicentro de Atenas no marco do proxecto europeo ‘Sporural’

A concelleira de Deportes de Ares, Alma Barrón, e membros do equipo técnico deportivo e …