Narón colaborará coa Deputación nunha nova actividade da campaña “Primavera no Camiño Inglés”

A concelleira de Turismo de Narón, Natalia Hermida, desprazarase este sábado a Betanzos para asistir a unha nova iniciativa do programa “Primavera no Camiño Inglés”, impulsada desde a Deputación da Coruña e na que colaboran diversos concellos da comarca, entre eles o de Narón, A cita desenvolverase entre as 11.30 e as 19.30 horas na Praza Irmáns García Naveira.

Ao longo da xornada haberá actuacións musicais de agrupacións procedentes de diferentes localidades ubicadas na zona do Camiño Inglés e tamén degustacións de produtos típicos das mesmas, así como mostras de artesanía e presentación de algúns obradoiros sobre esta ruta de peregrinaxe. No caso de Narón, tal e como indicou Natalia Hermida, ofrecerase aos asistentes información sobre o municipio e proxectaranse vídeos nos que se poderán ver algúns dos lugares e edificios máis emblemáticos da cidade, así como elementos que forman parte do seu patrimonio.

A colaboración do Concello de Narón nesta iniciativa impulsada desde a administración provincial constatouse xa o pasado 31 de marzo, cando tivo lugar no Café Teatro do Pazo da Cultura a conferencia “Unha ollada ao pasado e ao futuro”, enmarcada tamén na campaña “Primavera no Camiño Inglés”. O xornalista e divulgador da Ruta Xacobea Cristóbal Ramírez e o historiador municipal de Narón, André Pena, foron os encargados de intervir nesta proposta concebida para promocionar o Camiño Inglés cara a Compostela.

Lea también

Aberta a inscrición na primeira andaina deste ano en Narón do programa “Ponte en ruta con nós”

O Concello  de Narón mantén aberto, ata mañá  mércores 24 o prazo de inscrición na …