A consulta monográfica específica no CHUF para evitar unha segunda fractura na osteoporose atendeu a 236 pacientes nun ano

Unha fractura que se produza a causa da osteoporose soe ir acompañada por outra fractura posterior”; e disto son conscientes as profesionais de Reumatoloxía e de Traumatoloxía que traballan de xeito multidisciplinar na Consulta Monográfica de Prevención da Segunda Fractura Osteoporótica, no Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol. A clave é detectar eses casos, tratalos e seguilos. A especialista en Reumatoloxía, Ángeles Hernández del Río; e a especialista en Traumatoloxía, Laura Ameneiro Romero, falaron sobre o primeiro ano de actividade desta consulta, esta mañá, na sesión clínica xeral á que están convocados tódolos profesionais da área sanitaria mensualmente, no salón de actos do Hospital Arquitecto Marcide.

A osteoporose é “unha enfermidade do esqueleto caracterizada por unha resistencia ósea diminuída, que predispón ó aumento no risco da fractura”. Entre os factores de risco figura a idade como o principal, ós que se lle suman os antecedentes familiares de fractura por fraxilidade, fractura previa, menopausa precoz, corticoterapia, enfermidades inflamatorias crónicas, hepatopatía ou nefropatía crónicas, entre outros; e hábitos tóxicos como o sedentarismo, o baixo peso, ou o déficit mantido de aporte cálcico. Non hai unha sintomatoloxía propia que facilite a detección da osteoporose –en moitos casos detéctase tras unha fractura– co que é necesario un diagnóstico de sospeita, o profesional sanitario “ten que estar concienciado para buscala analizando os factores de risco”, subliñaban esta mañá.

Fracturas de fraxilidade

A osteoporose afecta en España a 2.000.000 de mulleres e 800.000 varóns. Ten unha prevaleza do 15% en mulleres entre 50 e 59 anos; e do 80% en mulleres maiores de 80 anos. Estas profesionais, na sesión clínica xeral de hoxe, parten da base de que a muller maior de 50 anos ten un risco de fractura do 15% na cadeira, do 15% no antebrazo, e do 30% nos vértebras. De feito, como exemplo, tan só en Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol producíronse un total de 91 fracturas de cadeira, no primeiro trimestre deste ano.

Unha fractura por fraxilidade destas características aumenta o risco de novas fracturas, de feito, como afirmaron esta mañá, “a incidencia de novas fracturas vertebrais no ano posterior á aparición dunha fractura vertebral é do 19%, e a incidencia acumulada en 10 anos de calquera tipo de fractura, tras unha fractura previa, elévase ó 70%”. Á atención da fractura, súmase tamén o que se denomina discapacidade residual, todo o relacionado coas secuelas derivadas desa fractura. Con todo, só o 20% dos pacientes que experimentan unha fractura por fraxilidade segue un tratamento axeitado para a osteoporose, e para evitar esas fracturas posteriores que soen producirse.

Consulta monográfica

Por todo isto, “a prevención da segunda fractura por fraxilidade é crucial, e as estratexias para evitala teñen amosado efectividade“, remarcan. Así, en febreiro de 2016, profesionais de Reumatoloxía e Traumatoloxía crean esta consulta monográfica para ofrecer unha atención coordinada do paciente con fractura osteoporótica, co obxectivo de asegurar a avaliación e tratamento axeitados para evitar unha nova fractura. O circuíto funciona de tal xeito que, en Traumatoloxía, detéctase unha fractura de perfil osteoporótico, co que, unha vez tratada, solicítase analítica, e derívase a esta consulta específica de Reumatoloxía, onde se realiza un estudo amplo e as probas pertinentes, como a densitometría. Así, axústase e iníciase o tratamento, e realízase o seguimento.

Durante o primeiro ano de actividade desta consulta, valoráronse un total de 236 pacientes da área sanitaria ferrolá, mulleres no 90% dos casos, cunha idade media de 73 anos. Nun total de 34 casos, había xa unha fractura previa, e deles, o 40% non recibía tratamento específico para a osteoporose no momento de ser visto na consulta, ben porque non o tiña prescrito, ou ben porque o abandonara. “A osteoporose non doe nin se ve como outras patoloxías; a súa detección é complexa; e os pacientes teñen unha baixa adherencia ó tratamento”, explica Ángeles Hernández.

Nesta liña, a consulta trata de incidir, indicaban esta mañá, na “busca activa dos pacientes con fractura osteoporótica, para evitar unha segunda fractura”. Analizando este primeiro ano de actividade, as relatoras invitaban ós profesionais asistentes á unha maior concienciación sobre a osteoporose; traballar conxuntamente nunha mellor adherencia ó tratamento, no que xoga un papel fundamental o profesional do centro de saúde; e a unha maior captación das fracturas cunha suma de especialidades na procura de casos e da prevención da segunda fractura.

Por último, a poboación diagnosticada ten na súa man, ademais do correcto seguimento do seu tratamento, actuar sobre os factores de risco modificables como evitar o tabaco e o alcohol; apostar por unha dieta saudable e rica en lácteos; realizar exercicio moderado e adaptado a cada etapa; e unha axeitada exposición solar que axude á sintetizar a vitamina D, como 20 ou 30 minutos de sol a primeira hora da mañá en rostro, pescozo e mans. Ademais, minimizar o risco de caídas cun calzado axeitado, materias de apoio como bastóns se son necesarios, ou unha graduación axeitado das gafas, entre outros moitos.

Lea también

Los bomberos de Ferrol dejan de prestar servicio en otros seis municipios de la comarca

El presidente de la junta de personal del Ayuntamiento de Ferrol, Javier Sandá (CSIF), ha …