San Sadurniño comprométese a colaborar na posta en marcha de agrupacións para a xestión conxunta dos montes

Instante da charla – Concello de San Sadurniño

Este venres finalizará en Naraío a rolda de charlas ofrecidas polo Concello de San Sadurniño nos distintos locais sociais do territorio ao redor da optimización dos nosos montes por medio da xestión conxunta das parcelas. A cadrada quixo que o primeiro encontro fose en Ferreira no mesmo día e practicamente á mesma hora en que se declaraba o incendio que queimou 36 hectáreas de monte en Santa Mariña. E é que a prevención dos incendios é un argumento máis para repensar o tipo de monte que temos e o tipo de monte que queremos para o futuro. Un monte estruturado, con capacidade de producir máis cousas que só madeira e que se pode planfificar sen necesidade de crear asociacións ou agrupacións formais.

En esencia esa é a mensaxe que se está trasladando nas charlas ofrecidas por Segundo Ruíz, enxeñeiro da empresa Conforma Forestal. Trátase dunha firma especializada en formación e consultoría neste ámbito que no caso de San Sadurniño está proporcionándolle á veciñanza que asiste ás sesións algunhas chaves sobre como rendibilizar as súas pezas.

«Nas charlas mostramos as alternativas que ofrece o monte, onde non todo se queda en producir madeira, senón que hai máis posibilidades«, explica Ruíz. «Imos ver que se pode facer tendo en conta o minifundismo das propiedades desta zona, ver cales son as posibilidades de xestión conxunta, como agruparse, cales son as fórmulas polas que poderían optar para xestionar de forma conxunta as súas propiedades e ter outras alternativas«. Entre esoutras alternativas estarían por exemplo, a gandeiría -que ademais é un mecanismo de control da vexetación-, o mel ou os cogumelos, «non ten por que ser todo madeira«, asegura Segundo Ruíz, aínda que ese sexa o principal valor do monte.

O técnico explica nas sesións que existen asociacións para a venda de madeira «pero non para o paso previo, o da xestión conxunta do monte«, algo ao que se pode chegar sen necesidade de crear unha entidade. Neste sentido o dimensionamento das superficies pode lograrse sen tocarlle aos marcos nin á propiedade, senón acordando previamente que plantar e como levar o mantemento de pequenas parcelas lindeiras. Esta é, se cadra, a única maneira de darlle unha volta aos montes nunha zona como San Sadurniño onde hai 6.500 hectáreas de terreos forestais –dúas terceiras partes do territorio municipal– e onde a superficie media da parcela anda en 0,5 hectáreas.

Entre os posibles beneficios da unión para a xestión forestal, Ruíz cita o abaratamento de custes «á hora de facer rozas e plantas» e tamén a protección contra dos lume, xa que a planificación conxunta tamén leva aparellada a mellora das infraestruturas de prevención dos incencios. Outra das vantaxes do modelo conxunto sería a de obter rendementos alternativos –os gandeiros, os das setas, etc.– mentres non hai quendas de corta e, ao tempo, conseguir madeira de mellor calidade e doada de extraer que virtualmente tamén teña mellores prezos.

Sen dar fórmulas máxicas, nas charlas fálase de ver cada zona e analizar como sacarlle partido con aproveitamentos combinados que permitan tirar rendemento do monte todos os anos e non só cando se corta.

Sobre esta cuestión, o titular da área de Desenvolvemento local, Manolo Varela, afirma que tanto en San Sadurniño como no resto de Galicia «estase desaproveitando moito a capacidade produtiva dos montes«. Unha situación que se quere revertir desde o Concello con formación e mesmo con outro tipo de apoio. «Se se detecta que hai xente disposta a dar un paso máis, a unirse para xestionar o monte, o Concello colaboraría economicamente cos gastos da constitución da asociación ou da fórmula legal pola que opten«.

Pola súa banda, o alcalde destacou na presentación das charlas hai uns días en Ferreira que «é necesario por en valor os montes dunha forma sustentable como fonte de recursos económicos e como factor para a creación de emprego«. Secundino García lembrou a frase de Castelao «vale máis unha terra con árbores nos montes que un Estado con ouro nos bancos» para destacar «a riqueza que temos«.

As charlas sobre a xestión forestal conxunta continúan esta tarde en Lamas, mañá mércores en Bardaos, o xoves en Naraío e o venres rematarán en Naraío. Todas elas terán lugar nos respectivos locais sociais de cada parroquia e todas elas ás 17.00h.

Lea también

Un trabajador herido al caer desde un puente a las vías del tren en O Barqueiro

Un trabajador fue trasladado después de caer desde un puente a las vías del tren …