Preto de 500 palilleiras e unhas 70 agrupacións confirmaron a súa asistencia á xuntanza deste sábado en San Valentín

Encontro de palilleiras en San Valentín – Concello de Fene

Unhas 500 palilleiras e tecedoras, 70 agrupacións e escolas e arredor de 40 puntos de venda de artesanía confirmaran este mércores a súa asistencia á Xuntanza de Palilleiras e outros labores tradicionais que terá lugar durante a xornada do sábado no Pavillón da Xunqueira. Un evento organizado polo Concello en colaboración nesta edición coa asociación veciñal de Sillobre, a de San Xurxo de Magalofes, a Liga de Amigos de Barallobre e o Centro de Promoción Social de San Valentín. O obxectivo deste encontro con máis de dúas décadas de historia volverá ser o de promocionar a arte dos bolillos e doutras manufacturas de toda a vida. Porén, a xuntanza tamén busca ser unha escusa máis para visitar Fene.

O evento comezará ás 10.30h. coa recepción de participantes e desenvolverase até as 19.00h. facendo unha paréntese de dúas horas –de 14 a 16.00– para xantar. De novo agárdase unha afluencia masiva de amantes do encaixe e do tecido, ben a título individual ou a través dalgunha escola.

Na mañá deste mércores o número de inscrición rondaba xa as 500 e confirmaran a súa asistencia 70 agrupacións, na súa maior parte da comarca pero tamén procedentes doutras zonas de Galicia e mesmo de lugares tan afastados como Cartaxena. Estes números seguramente aumenten, xa que aínda están aberto o prazo para apuntarse a través do 981 492 767.

A xuntanza comezou en 1996 como un encontro a través do que promocionar o oficio do bolillo. Unha actividade practicamente esquecida na comarca que recobrou azos a principios da década dos 90 a través de obradoiros e cursos de manualidades, organizados en toda a volta por entidades culturais e veciñais.

Foi o caso dun grupo de mulleres de San Valentín, que decidiron en 1993 aprender a facer encaixe como xeito de recuperar unha tradición que non era exclusiva de Camariñas. Tres anos despois organizaríase o primeiro encontro como xornada na que intercambiar coñecemento, expor traballos e darlle difusión aos bolillos como entretemento e mesmo como proposta con posibilidades de emprego.

A Xuntanza de Palilleiras e outros labores tradicionais está organizada pola Concellaría de Promoción económica con axuda de entidades veciñais de Sillobre, Magalofes, Barallobre e San Valentín.

Ademais de ser unha cita para todo o relacionado co fío, o encontro tamén se converteu nunha xornada de lecer que contará con alomenos 42 postos de artesanía nos que atopar manufacturas de todo tipo. Por outra banda, ao longo da xornada tamén se farán dous sorteos de agasallos, un ás 13.00h. e outro sobre as 18.00h., e está prevista a actuación do Tradicoro (Airiños de Fene) ás 17.00h.

Desde a área de Desenvolvemento local tamén comunican que a caseta de Turismo situada ao pé do pavillón municipal de San Valentín estará aberta durante toda a xornada para ofrecer información sobre o evento e sobre outras alternativas de lecer que ofrece o territorio.

Programa da Xornada:

10.30h. Apertura do recinto e recepción de participantes

11.30h. Inauguración oficial. Intervención do alcalde, Juventino Trigo

13.00h. Sorteo de agasallos

14.00h.-16.00h. Peche do recinto para xantar

17.00h. Actuación do Tradicoro

18.00h. Segundo sorteo de agasallos

19.00h. Clausura

Lea también

16 negocios de hostelería participan en una nueva edicion de “Neda a petiscos”

El Ayuntamiento ha presentado este viernes 19 una nueva edición de “Neda a petiscos”. La …