O CF San Sadurniño inicia unha campaña para ampliar a base a temporada que vén

Equipo prebenxamín «A» – CF San Sadurniño

O Club de Fútbol San Sadurniño está a piques de rematar temporada e xa anda preparándose para a do ano que vén, que arrancará a finais do verán. Por iso desde a directiva convidan á rapazada de calquera idade a que se una a algún dos seus equipos. O club conta con formacións biberón, prebenxamín, benxamín, alevín, infantil, cadete, xuvenil e feminina. Para informarse ou inscribirse abonda con entrar na súa páxina web www.cfsansa.es.

A cota anual é de 80 euros coa equipación incluídaveñen sendo 8 euros ao mes se algunha familia prefire pagar aos poucos- e, ademais dun fantástico ambiente para a práctica deportiva, no Sansa tamén ofrecen unha alta cualificación técnica para a preparación de futbolistas.

Segundo informa o club nunha nota de prensa, o cadro dispón de adestradores titulados e en constante formación, preparadores específicos para porteiros e porteiras, adestramento cognitivo con clases sobre técnica, táctica e coñecemento do xogo, etc. Por último, todos os nenos e nenas teñen incluídas as dietas nos torneos en que participen.

A directiva destaca a cercanía entre San Sadurniño e os concellos de Narón e Ferrol –con equipos e instalacións máis masificados– como un dos principais puntos a favor para que as familias elixan a súa canteira. Engaden, ademais, a calidade do estadio de Currás, cun campo de herba artificial practicamente novo e un contorno onde o Concello acaba de acometer unha fonda remodelación de cara a mellorar a accesibilidade e ampliar as posibilidades de lecer.

Para obter máis información sobre como inscribir os nenos e nenas nos equipos de base do CF San Sadurniño pode contactarse co club no teléfono 669.638.282, consultar a web www.cfsansa.es ou pasar polo campo de fútbol dos Currás. Tamén dispoñen de perfís en instagram, facebook e twitter.

Lea también

A Deputación destina 553.000€ para financiar ata 80 entidades deportivas da provincia

A Deputación da Coruña vén de conceder un total de 80 axudas a diferentes entidades …