San Sadurniño volve organizar as camiñadas para descubrir o territorio

Camiñata por Ferreira – Concello de San Sadurniño

O Concello de San Sadurniño retoma a súa programación de camiñadas polo territorio agora que os días son máis longos. As camiñadas son paseos ao aire libre aptos para todas as idades, relativamente curtos –entre 5 e 8 quilómetros de distancia– e cun nivel de dificultade baixo, posto que discorren por pistas e camiños en bo estado e sen demasiado desnivel. As dúas primeiras rutas desenvolvéronse en Santa Mariña o venres pasado e onte en Ferreira, pero aínda quedan máis oportunidades de coñecer a pé o municipio. Porén, ademais destas rutas suaves, o Concello tamén organiza para finais de maio e inicios de xuño dous grandes eventos atléticos. Un é a cuarta edición da Carreira popularque desde este ano é pola Igualdade– e o outro será a primeira edición dun trail de montaña que percorrerá Naraío, Igrexafeita e O Forgoselo.

O Concello organizou outras cinco camiñadas que, como as anteriores, tamén partirán dos locais sociais e doutros puntos das distintas parroquias, sempre ás 16 horas. Non é necesario inscribirse, abonda con estar no lugar de saída á hora e no día sinalados.

Iso si, desde o Concello aconséllase levar roupa cómoda e clara –mellor chaleco reflectante-, calzado sen tacón que non sexa de estrea, calcetíns de algodón, gorra, bebida e algo de comer… e se vén un día de auga, tamén o paraugas.

As marchas parroquiais son unha proposta que leva varios anos desenvolvéndose con dous obxectivos. Por unha banda fomentar o exercicio ao aire libre e, por outra, contribuír ao coñecemento e a cohesión social do territorio. A próxima cita é en Bardaos o 11 de maio e o punto de encontro antes de saír será a explanada do local social da Bañoca.

Tres días despois, aínda que neste caso organizada por O Castelo de Narahío, teremos a tradicional ruta a pé á romaría da O, en Pedroso, coa que a asociación busca manter viva a tradición de acudir á capela os segundos domingos de maio. A saída está fixada para as 11.00h. do domingo 14 de maio desde o cruzamento do Eirexado. A ruta é gratuíta e non se precisa inscrición previa.

Volvendo ás camiñadas que organiza o Concello, pódese obter máis información chamado ao teléfono do Ximnasio municipal, 647 491 371, en horario de 19 a 23h.

Carreira popular e I Trail de montaña Concello de San Sadurniño

En relación coas actividades ao aire libre e o deporte, cómpre ir avanzando xa dous grandes eventos organizados pola área de Deportes para a última fin de semana de maio e a primeira de xuño. Son, respectivamente, a IV Carreira popular Concello de San Sadurniño e o I Trail de montaña Concello de San Sadurniño.

Así, a carreira popular desenvolverase na mañá do domingo 28 no contorno do arboredo da Cortiña e con probas para todas as idades. Volve estar organizada polo Concello e o CPI de San Sadurniño coa colaboración da Federación Galega de Atletismo co obxectivo de promover o exercicio e a actividade física en contacto coa natureza como un hábito saudable.

Por outra banda, desde este ano a carreira tamén quere ser un referente da promoción da igualdade real entre mulleres e homes tanto na práctica deportiva como nos demais ámbitos da vida.

A carreira está aberta a todas as idades e a inscrición pode facerse ata o 24 de maio a través da web www.emesports.es, onde se pode descargar tamén o regulamento de participación. A cita forma parte do II Circuito Corre polo Norte, no que ademais de San Sadurniño tamén participan outros sete concellos da comarca. A primeira proba do circuito celebrarase en Cedeira o 20 de maio e a última en Mañón o 3 de setembro.

O segundo evento, o Trail de montaña Concello de San Sadurniño, é unha proba de resistencia que percorrerá o domingo 4 de xuño pola mañá algúns dos espazos naturais máis espectaculares do territorio. O trail ofrecerá tres circuítos con distintas distancias e posibilidades de participar: correndo, correndo e andando en bici de montaña ou asumindo o desafío por equipos.

Así, o trail combinado –carreira e BTT– terá 16 quilómetros e está aberto a un máximo de 28 parellas, o circuíto longo –27 quilómetros– conta con 200 prazas e, por último, o trail curto, de 16 km., dispón doutras 200. Todas as probas terán a saída e a chegada no local social da Veiga, en Naraío, e a primeira partirá ás 9.00h. As inscricións -15€- poden facerse ata o 30 de maio ás 23.59h. exclusivamente a través da web www.prueba-t.es.

Lea también

As Pontes invirte preto de 110.000€ na mellora da rúa da Balsa

O Concello de As Pontes investirá 109.053 euros, procedentes da Deputación da Coruña, no proxecto …